A Xunta apoia con 3.325 € os gastos de funcionamento de Protección Civil Val Miñor

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da orde de axudas destinada a financiar os gastos das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios, ás que a Xunta destina un orzamento de 17.318 euros na área territorial de Vigo.

As achegas do Goberno galego permitirán apoiar a un total de 8 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comarca viguesa. De modo que as agrupacións de Cangas e Moaña percibirán sendas axudas de 1.217,99 e 1858,26 euros; as de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas, 1.226,38, 1.546,56 e 1.686,60 respectivamente; a da Mancomunidade do Val Miñor, 3.324,45 euros; e as de Redondela e Soutomaior, 2.675,94 e 2.782,33 euros. No conxunto da provincia de Pontevedra as axudas chegarán a 30 agrupacións, con máis de 55.600 euros.

As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.

Esta convocatoria inscríbese no esforzo que está a realizar o Goberno galego nos últimos anos para mellorar os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes, a través da que o ano pasado se concederon 932.400 euros a 87 concellos galegos e 2 mancomunidades. Entre o material cedido inclúense 12 remolques de emerxencias, 8 vehículos todo terreo tipo pick-up, 37 tendas de campaña para emerxencias, 4 UTV (Utility Task Vehicle), 4 embarcacións pneumáticas, 12 coitelas para retirada de neve e 12 esparexedores de sal.

O investimento do Goberno galego nos últimos anos para dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC na comunidade e tamén dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) supón case 20 millóns de euros. Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios destas agrupacións e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias reciben formación neste eido.