Ouro, prata e bronce para o Acro Club Nigrán no autonómico de ximnasia acrobática

O pasado sábado, nas instalacións do pavillón municipal da ETEA, en Vigo, celebrábase, dous anos despois, o campionato galego de ximnasia acrobática.

Máis de douscentos ximnastas déronse cita, ao longo do pasado sábado, nun campionato galego que xa se botaba en falta. Blanca García, Tania Gallego e Marta Rodríguez, do Acro Club Nigrán, deron a sorpresa e alzáronse coa medalla de ouro por diante do trío do poderoso Flic Flac de Vigo. Ademais, grazas ao bo exercicio das súas compañeiras Blanca Santos e Aroa Lago, prata en parellas femininas, subíronse á segunda posición na competición por clubs. Sen dúbida un gran debut para a presente tempada. O colofón á gran actuación do club puxérono Maya Cayeux, Lorena Comesaña e Sofía Campos, que se subiron ao terceiro banzo do caixón dunha competidísima categoría tríos cadetes.

“Este ano, decidimos tirarnos á piscina e competir en categoría elite. Apertamos e saíunos ben. Agora imos ver que pasa no campionato de España. O obxectivo é dalo todo en pista e gozar que hai dous anos que non imos. Pase o que pase, sei que imos ser competitivos”, apunta Aarón Castro.