Gondomar prepárase para celebrar a III Gladiator Kids

O vindeiro sábado 16 de outubro celebrarase finalmente en Gondomar a III edición da Gladiator Kids, unha divertida carreira de obstáculos para grandes e pequenos, e que o goberno local pospuxo o pasado mes de agosto como precaución ante o aumento de casos da COVID en toda España. Agora vén con moitas ganas e probas que farán rir a máis dun e dunha.

A proba mantén o número de inscricións cubertas no seu momento, preto de 200, e desde as Concellerías de Deportes e Xuventude, organizadoras deste evento, pídese a quen non poida participar polo cambio de data que o comunique chamando ao teléfono 986 369 746 ou ben enviando un correo a eventos@noko360.es.

O Parque da Coelleira converterase, por primeira vez, no circuíto que deberán cubrir os corredores e as corredoras, de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, que deben participar acompañados por un adulto. A Gladiator Kids é unha carreira na que a competitividade se deixa ao carón para dar paso a momentos divertidos e compartir unha experiencia distinta e de colaboración entre os participantes.

A entrega de dorsais realizarase a partir das 15:00 horas e as probas arrancarán ás 16:00 horas. En primeiro lugar participará o grupo integrado por pequenos e pequenas de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos. Unha hora máis tarde, ás 17:00 horas, será a quenda dos participantes cuxas idades estean entre os 7 e os 12 anos.

En ambos os dous circuítos atoparanse con diferentes retos, sempre adaptados á idade dos participantes, nos que se poñerán a proba as súas habilidades á hora de facer fronte a obstáculos que atoparán no percorrido que deberán ir sorteando ata chegar á meta, un obxectivo que vén marcado sobre todo polo “carácter lúdico e non competitivo, primando a diversión e o momento que se comparte coa familia”.