Chandebrito 1807 presenta unha proposta de ordenanza para a prevención dos incendios en Nigrán

A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807”, en relación coa prevención dos incendios, considera que o Concello de Nigrán precisa dunha ordenanza que regule diversas cuestións co obxectivo dunha eficiente prevención de lumes no territorio municipal.

O seu propio pleno aprobou o 01.02.2018, a iniciativa do grupo Nigrán Decide e cos votos a favor do propio goberno e da oposición (agás o BNG, que se abstivo), instar ao alcalde e goberno municipal a que se elabore un Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais; a elaborar un Plan de Emerxencias Municipal; e a exercer as obrigas contempladas no apartado d) do artigo 7 da Lei de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia. “En decembro de 2018 elaborouse un plan de acción municipal fronte a lumes forestais, que é clónico e adolece de moitas cousas, e que en relación coa normativa cuxa adopción solicita esta Agrupación non ten máis que unha complementariedade”.

O Concello de Ribadeo aprobou unha ordenanza para a “PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS E A SALVAGARDA DAS CONDICIÓNS DE LIMPEZA, ORNATO, SALUBRIDADE E SEGURIDADE DOS TERREOS POLA QUE SE REGULAN AS PLANTACIÓNS ARBÓREAS, AS OBRIGAS DE XESTIÓN DE BIOMASA E OS USOS DO LUME NO SOLO URBANO, DE NUCLEO RURAL E URBANIZABLE”, publicada no BOP de Lugo de data 7 de xuño de 2018. “Dita normativa parécenos moi acaída para a súa adaptación á nosa localidade en xeral e para a nosa parroquia en particular. Dada as características forestais, climáticas e as cuestións relacionadas tamén coa propiedade e sumando as consecuencias fatais dos terribles lumes de outubro de 2017, parécenos digna de tomar en consideración”, apuntan desde a Asociación.

“En Chandebrito –continúan- realizouse algunha actuación de recomposición forestal (aínda que moi mellorable) e a dotación de medidas para o combate dos incendios, como a construción dunha gran balsa de auga para os helicópteros (Xunta de Galicia), pero pasado o tempo considerámola insuficiente. O Concello de Nigrán debería agora e sen demora avanzar no carácter preventivo dun xeito eficaz parar evitar as lamentables consecuencias do 2017. Por elo, no futuro máis inmediato, entendemos que se debe confeccionar xa, sen dilación algunha, unha ordenanza rigorosa para poder previr incendios forestais e regular plantacións arbóreas, xerar obrigas de xestión da biomasa e os usos do lume en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable alí onde a Administración Municipal debe exercer súas competencias”.

A Asociación considera que desde a concienciación pero tamén a firmeza, o Concello de Nigrán debe velar polo cumprimento da lexislación para que a veciñanza propietaria e, polo tanto, responsables das parcelas en núcleos de poboación habitados, se ocupen do seu mantemento, roza e limpeza como marca a Lei de Prevención de Incendios Forestais. Limpar estes espazos de especies pirófitas coma eucaliptos, acacias e piñeiros e substitución, se procede, de especies frondosas autóctonas e especies froiteiras.

Chandebrito 1807 propón:

– Elaborar a ORDENANZA PARA A PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS E A SALVAGARDA DAS CONDICIÓNS DE LIMPEZA, ORNATO, SALUBRIDADE E SEGURIDADE DOS TERREOS POLA QUE SE REGULAN AS PLANTACIÓNS ARBÓREAS, AS OBRIGAS DE XESTIÓN DE BIOMASA E OS USOS DO LUME NO SOLO URBANO, DE NUCLEO RURAL E URBANIZABLE DO CONCELLO DE NIGRÁN, para a súa aprobación polo pleno municipal.

– O Concello ten que encamiñar con medidas incentivadoras para lograr este cambio e completala con axudas para repoboar estas franxas con especies frondosas autóctonas que cumplan unha función “bombeira”. Para isto debe abrirse unha partida económica específica e realizar unha convocatoria para a concesión dunhas axudas económicas a través da rebaixa no prezo e obtención de especies resistentes ao lume que os particulares poidan adquirir e plantar.

– O Concello porá en marcha un viveiro propio para levar a cabo esta acción nun futuro pero provisionalmente concertará e encargará a un viveiro da localidade a obtención da planta necesaria para a primeira fase.

– Facer unha relación dos particulares que por razóns de incapacidade, minusvalía física, económica ou suma delas, non poidan actuar; e asumir si se debe economicamente tanto a limpeza como as a plantación das especies a substituír ou incorporar.

– Indicar un Lugar Seguro nun punto non ingniscible, e que, ante a ausencia dun plan de emerxencias visible da Xunta de Galicia, sexa o propio Concello quen o realice, propondo desde esta Asociación que este lugar sexa a contorna do Colexio Estudio, nas Chans de Rapadouro.