O PP de Gondomar denuncia os retrasos no remate das obras na pista polideportiva de A Feira

Os mozos de Gondomar non teñen onde practicar libremente o fútbol-sala, despois de que o Concello puxera un cartel impedindo xogar na mini-pista deportiva de As Cercas aos maiores de trece anos. O Partido Popular vén de preguntar por rexistro ao Concello os motivos polos que a pista polideportiva de A Feira estaba aínda en obras case un ano despois de que rematara o prazo de execución das mesmas.

A remodelación da pista polideportiva de A Feira foi adxudicada o 25 de setembro de 2019 á empresa Reyni Obras y Servicios, S.L. por un importe de 45.807,79 euros e cun prazo de execución de 28 días. Tras un retraso inicial de seis meses o 13 de abril de 2020 o alcalde autoriza unha reforma no proxecto, dando un novo prazo de execución dun mes, polo que as obras deberían estar rematadas o 13 de maio de 2020.

O Partido Popular preguntou ao alcalde si se abriu expediente á empresa adxudicataria para depurar responsabilidades polo incumprimento do contrato e a demora na finalización das obras, esixindo ademais que coa maior brevidade posible faga practicable a pista polideportiva para o uso dos rapaces do municipio que non teñen outro lugar no centro da vila onde practicar o fútbol-sala, salvo que o fagan en lugares non axeitados para a práctica do mesmo, cos riscos que isto pode carrexar.

“Unha vez máis este goberno municipal volve a demostrar a súa nula capacidade para o seguimento e control das obras que adxudica, a pesar de ser o goberno municipal máis caro da historia de Gondomar e con máis dedicacións exclusivas”, volve a reiterar Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.