Nace en Nigrán a Editorial Fetiche

FOTO: LIBRERÍA PARAÍSOS DE PAPEL // Little Babilonia.

A Editorial e Produtora Fetiche, dirixida pola viguesa Vanessa Glemsel, vén de publicar o seu primeiro poemario cunha proposta singular e estimulante: unha edición bilingüe en asturiano e galego. A presentación de “Little Babilonia” realizarase en liña a través da plataforma Zoom o xoves 15 de abril ás 19:30 horas e contará coa presenza do autor Pablo X. Suárez, do especialista en Llingua Asturiana afincado en Compostela Iván Cuevas, a ilustradora Laura Berardi e a editora e tradutora Vanessa Glemsel.

Pablo X. Suárez é un coñecido poeta e rapsodo asturiano con variada obra en castelán e llingua asturiana e que pasa por ser un dos valores máis sólidos e influentes da nova literatura da autonomía veciña. Desde a contracultura e os escenarios chegan os seus versos cheos de ruralismo urbano desde unha mirada crítica, por veces aceda, e desenfadada do cotián. A súa poesía xa formou parte de festivais de recoñecido prestixio en Galicia como o Poemagosto: Festival Internacional de Poesía en Allariz e o Festival Alguén que Respira en Santiago de Compostela.

Con “Little Babilonia”, Pablo X. Suárez gañou en 2017 o premio Xuan María Acebal de poesía. “Fetiche acolle a diversidade e entende que todas as linguas teñen a capacidade de conectarnos, de desenvolver un diálogo. Con esta publicación queremos achegar ao público galego o universo do autor cuxa rapsodia o vencella a Galicia desde hai anos. Little Babilonia é unha ponte que une linguas e experiencias”.

O enlace de acceso á reunión está dispoñible nas redes sociais de Fetiche: Instagram e Facebook.

Sobre a empresa

Edicións e Producións Fetiche son un pequeno selo editorial independente nacido no ámbito máis rural de Nigrán no Val Miñor. Esencialmente, desenvolven traballos editoriais e obradoiros, ademais de pezas escénicas vencelladas a diversos ámbitos da literatura, sinaladamente á palabra falada (spoken word) e á poesía escénica.

O seu equipo de traballo está conformado por profesionais da contorna de Vigo e nesta primeira edición contan co traballo de corrección das tamén poetas Silvia Penas e Nuria Vil. Nun futuro próximo, exploran a posibilidade de colaborar coas creadoras Sara Villar e Ánxela Lema, Andrea Nunes e Jorge Durán. Pretenden continuar cunha liña de tradución ao galego doutras figuras relacionadas coa palabra falada.