O Alcalde de Nigrán recibe a Donís Fernández tras proclamarse subcampión de España de Loita Olímpica

O Alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu ao nigranés Donís Fernández Chamorro tras proclamarse subcampión de España de Loita Olímpica, e ao seu adestrador, Juan López.

Esta fin de semana celebráronse en Santiago de Compostela os Campionatos de España das categorías escolar, cadete e sub 23, aos que o Club de Loita Sabarís desprazou a oito deportistas.

Na categoría escolar debutaron dúas das promesas do club, Pedro Fernández, de Baiona, e Donís Fernández, de Nigrán, que participaron na categoría de 41 kg Loita Libre Olímpica. Donís Fernández proclamouse subcampión de España.

“Teño que agradecer á miña familia o apoio que sempre me deron pero sobre todo a meu entrenador, Juan, sen o cal nunca chegaría a ser subcampión de España. Meu obxectivo é rematar os estudios no IES Val Miñor e intentar entrar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva”, declarou Donís.

“Donís iniciouse en loita no CEIP Humberto Juanes e o convidamos a que continúe apostando polo deporte e seguro que pronto levará a bandeira de Nigrán a uns Xogos Olímpicos”, declara Juan González.

Na categoría cadete foron tres deportistas. Anxo Lomba, de Gondomar, proclamouse campión de España na categoría de 44 kg Loita Libre Olímpica. Lois Cabreira, de Nigrán, participou na categoría de 71 kg Loita Libre Olímpica. No sorteo tocoulle enfrontarse ao actual campión de España. Jesús Forcao, de Sabarís-Baiona, participou na categoría 110 kg Loita Libre Olímpica, perdendo por lesión no primeiro combate.

Na categoría Sub-23, os loitadores bolseiros no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. David González, de Sabarís-Baiona, participou en 57 kg sen obter medalla. Cristian Suárez, de Sabarís-Baiona, conseguiu a medalla de bronce na categoría 79 kg Loita Libre Olímpica. Omar Rodríguez, de Sabarís-Baiona, que actualmente está a combinar os seus estudos na Universidade de Santiago cos adestramentos, proclamouse subcampión de España.

O torneo realizouse seguindo todas as medidas anti-covid, realizando test de antíxenos a todos os participantes. Despois dun ano tan difícil estes resultados son un estímulo para o equipo, que espera volver dar clase aos deportistas do equipo basee no colexio de Sabarís a partir de Semana Santa.

“Unha gran noticia para Nigrán contar cun subcampión de España de Loita pero sobre todo celebramos o éxito acadado polo Club de Loita Sabarís e de todos os deportistas do Val Miñor que competiron no Camionato de España. Un club que cumpre 20 anos formando deportistas e persoas con valores dende o Colexio de Sabarís e que merece o recoñecemento de todo o Val Miñor”, declara Juan González, Alcalde de Nigrán.