Sin categoría

O Vigo-Rías Baixas chega como líder Elite ao Campionato de España de Jaén

Oito corredores do Vigo-Rías Baixas participarán desde este venres no Campionato de España de ciclismo que se celebrará na provincia de Jaén. A estrutura presidida por José Luis Chamorro acode á gran cita estatal coa cifra máis alta de representantes da súa historia e coa condición de equipo líder do clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

O obxectivo de manter ese primeiro posto dependerá do rendemento de dous ciclistas: o abulense Noel Martín, que disputará a proba de contrarreloxo individual (CRI) e a carreira de fondo na estrada, e o navarro Víctor Etxeberria, que se centrará na competición en liña. En ambas as dúas citas, os representantes Elite do conxunto flúor mediranse aos ciclistas do pelotón profesional.

O Campionato arrancará o venres e esa primeira xornada pecharase coa CRI de 45,3 quilómetros entre as localidades de Cazorla e La Iruela para elites e profesionais. Estas dúas categorías regresarán a escena o domingo para xogarse as coroas de fondo na estrada nun percorrido de 185 km con saída en Úbeda e chegada en Baeza.

Por sétimo ano consecutivo o Vigo-Rías Baixas conseguiu praza para o campionato estatal grazas aos resultados obtidos desde o inicio da tempada e por primeira vez logrouno como líder da clasificación de escuadras Elite. Aínda que non poderá contar co seu xefe de filas Mauricio Moreira nin co venezolano Edwin Torres, ao non dispoñer ningún dos dous da nacionalidade española, Martín e Etxeberria son corredores de garantías e contan con experiencia no campo profesional.

Seis sub23

As convocatorias das seleccións autonómicas sub23 recoñeceron o nivel que os pupilos de Marcos Serrano están a ofrecer esta campaña e seis ciclistas foron recrutados para a carreira en liña da súa categoría. Guillermo Mallo, Iñigo Rodríguez e José Carlos Amil (Galicia), Iñigo González (Euskadi), Joan Nicolau (Baleares) e Asier González (Castela e León) estarán este sábado pola tarde na liña de saída defendendo as camisolas das súas comunidades. A pugna polas medallas terá como escenario un trazado de 159 km con inicio en Úbeda e meta en Baeza.