Baiona pon en marcha o Proxecto Vincúlate

O Concello de Baiona pon en marcha unha nova actividade de intervención con animais para menores de entre 9 e 17 anos veciños do concello. O alcalde, Carlos Gómez, resalta que dende o departamento de Servizos Sociais, xurde a idea da creación dun proxecto novidoso que trata de dar resposta á crecente demanda detectada dende hai tempo, tanto no servizo como nos departamentos de orientación dos centros educativos, no traballo da intelixencia emocional.

O proxecto está dirixido a aqueles menores que, tras unha valoración feita pola responsable do servizo de educación e apoio familiar do concello, en colaboración cos departamentos de orientación dos distintos centros educativos de Baiona, se consideran máis susceptibles deste tipo de intervencións pola súa situación ou características. Hai un total de 20 prazas repartidas, por idades, en dous grupos de 10 nenos/as.

O Proxecto Vincúlate busca promover a melloría das distintas funcións e concretamente das sociais, emocionais e cognitivas así como proporcionar pautas saudables de comunicación. É unha intervención cunha meta orientada, planeada e estruturada, que se levará a cabo polos profesionais da saúde e da educación do equipo de ADA Intervenciones.

O proxecto propón que cada menor “apadriñe” un can, o adestre e o acompañe no proceso de ser acollido ou adoptado por unha familia e durante este proceso de adestramento, de forma paralela, e mediante o desenvolvemento dun programa de actividades, os menores traballarán a súa intelixencia e comunicación emocional.

Está prevista a formación dun grupo máis reducido para rapaces con trastorno do espectro autista (TEA) e no que se desenvolverían actividades máis específicas de traballo en habilidades sociais, e comunicativas, tempos de espera, diminución de comportamentos estereotipados, toma de decisións,… A intervención con este grupo se faría con cans especificamente preparados para este tipo de traballo.

A actividade se desenvolverá durante todo o ano no campo de fútbol da Ladeira, os martes e xoves en horario de tarde, comezando o vindeiro martes día 6 de abril.