Sin categoría

O BNG de Gondomar denuncia arbitrariedade no establecemento dos aforos das terrazas da hostalería local

O BNG de Gondomar denuncia arbitrariedade e actitudes autoritarias no establecemento e comunicación dos aforos máximos permitidos no interior e exterior dos establecementos da hostalaría local, e insta ao Alcalde, Paco Ferreira, e á concelleira de Comercio, Turismo, Emprego e Dinamización Económica, Rocío Goberna, a explicaren se hai un só criterio ou se hai unha dobre vara de medir dependendo de onde estean situados os establecementos.

Así mesmo, tamén lles piden que expliquen a que obedecen as actitudes autoritarias mostradas por destacados membros das forzas de seguridade que nas últimas semanas, e sen ningún tipo de comunicación previa por parte do goberno municipal, estiveron a percorrer os establecementos hostaleiros da vila para medir interiores e terrazas e establecer, en función da superficie e das indicacións da Orde da Xunta de 25 de febreiro, o número de mesas e clientes que poden ter nelas.

A organización nacionalista insta ao Alcalde a convocar urxentemente unha Xunta de Voceiras/os na que formular unha batería de preguntas que permitan aclarar estes feitos.

A portavoz municipal do Bloque, Manuela Rodríguez, considera inconcibible que nun momento de extrema debilidade do sector, con peches de negocios, despedimentos e viabilidades dubidosas, no canto de apoio e información o goberno local decida poñerlles máis difícil a súa recuperación.

“Pasou a concelleira Rocío Goberna, á que lle pagamos 32.000€ brutos ao ano cos nosos impostos e taxas, tamén ás da hostalaría, polos establecementos de Gondomar interesándose pola situación vivida polo comercio e, sobre todo, pola hostalería desde marzo de 2020?”, pregúntase Rodríguez. “En que emprega a súa dedicación exclusiva que nin sequera ten tempo de lles explicar aquelas cousas que tanto afectan ás súas empresas? Sabe cantos postos de traballo crean no concello? Impórtalle o número dos que se perden pola crise económica que está a xerar a pandemia? Que ten feito desde a súa Concellería por estes sectores? Que axudas lles destinou?

Dende o BNG instan ao Alcalde e o seu goberno a unha mudanza de actitude: “máis comunicación e colaboración, é o que o sector precisa. Porque se non coidamos a hostalaría e o comercio, cantos outros negocios van perdurar en Gondomar, Sr. Ferreira?”.