O gondomareño Ricardo Buba gaña a Copa Bembibre de BTT

Inmellorable posta en escena do equipo júnior do Vigo-Rías Baixas na tempada 2021. Dous representantes da estrutura presidida por José Luis Chamorro dominaron este domingo a Copa Bembibre de BTT na comarca do Bierzo. Ricardo Buba e Iván Fernández conquistaron os banzos máis altos do podio.

Nunha proba catalogada de clase H.5 no calendario da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), os dous pupilos de Sergio Moldes non deron opción ao resto de participantes na carreira júnior. Os ciclistas da formación olívica puxeron terra polo medio e presentáronse na liña de meta con case 5 minutos de vantaxe sobre o terceiro clasificado. Buba entrou primeiro e Fernández, segundo. Ambos, na súa estrea coa camisola flúor, levantaron os brazos para festexar unha actuación redonda.

A intención destes dous prometedores corredores para esta campaña é compaxinar as carreiras de BTT coas de estrada. O Vigo-Rías Baixas júnior conta este ano cun persoal formado por doce compoñentes. Polo momento, o seu calendario sobre o asfalto aínda non está definido á espera de que mellore a situación sanitaria.

Elite-Sub23

O domingo tamén se puxo en marcha a tempada para o equipo Elite-Sub23 coa disputa en Cantabria do Memorial Juan Manuel Santiesteban. A escuadra que dirixe Marcos Serrano completou con boas sensacións a primeira proba puntuable para as clasificacións RFEC e tres corredores do conxunto flúor demostraron chegar nun destacado estado de forma ao arranque do calendario.

A esixencia dos 140 quilómetros, con inicio e chegada en Colindres, quedou de manifesto nun dato: dos 200 ciclistas que tomaron a saída, só terminaron 52. Asier González (34º), Pelayo Mosteiro (35º) e Ander del Castaño (38º) aparecen a selecta nómina de corredores que cruzaron a liña de meta tras superar cinco portos de montaña.

Os tres representantes do equipo olívico concluíron no segundo pelotón a 2:28 do gañador Iván Cobo (Lizarte). Despois deste ensaio nas estradas cántabras, a seguinte cita para o Vigo-Rías Baixas será a apertura da Copa de España, o 14 de marzo, na Aiztondo Klasika.