Martín de la Puente ofrece unha charla ao alumnado do CPI Cova Terreña

O alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Cova Terreña asistiu por videoconferencia a unha charla-entrevista ofrecida polo novo tenista vigués Martín de la Puente, na que lles explicou os pormenores da súa vida, da súa carreira deportiva e a forma en que afronta os retos aos que se enfronta tanto na vida como no deporte. Martín faloulles dos seus comezos, de como tivo que superar na vida os problemas derivados da enfermidade rara que sofre, a síndrome de Proteus, e o complicado que foi atopar o seu sitio no deporte.

De la Puente, faloulles da necesidade de superarse, de non ter medo aos retos. E como a través do esforzo, o apoio da familia e a motivación, un pode lograr o que se propoña. O deportista tamén compartiu cos estudantes curiosidades da modalidade de tenis en cadeira. Alentoulles a practicar deporte e transmitiulles unha paixón inquebrantable por unha modalidade do tenis descoñecida para moita xente.

O tenista, que conseguiu o diploma olímpico en Río de Janeiro 2016, falou tamén dos seus plans inmediatos, que están focalizados nos Xogos Olímpicos de Tokyo de 2021, onde soña con estar a pelexar pola medalla. Martín de la Puente instalouse en Barcelona, onde compaxina os adestramentos no Centro de Alto Rendemento de San Cugat del Vallés e a preparación cos estudos universitarios.

A entusiasta audiencia tamén dirixiu as súas preguntas e inquietudes cara á o xogador, cuxo palmarés está cheo de éxitos: 3 veces campión do mundo júnior, 4 veces campión de España e Olímpico en Río 2016.

O Alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que “historias de superación como as de Martín de la Puente inspiran aos nosos mozos na loita polos seus soños. Desde o Concello de Baiona desexámoslle moita sorte en Tokyo. Tamén queremos destacar o gran labor que se fai desde o CPI Cova Terreña, xa que constantemente están a realizar actividades de gran interese e de gran utilidade para o alumnado”.