
O III Ciclo de conferencias “Aida Fernández Ríos”, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias, chega esta semana aos centros educativos da provincia con cinco coloquios adaptados ao público mozo. Deste xeito, arranca o segundo bloque do programa que espallará a ciencia ata o 13 de decembro entre o alumnado de 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato e da rama sanitaria de FP dos concellos Caldas, Lalín, Cangas, Vigo e Baiona, da man de persoas referentes en distintos eidos científicos.
O venres 25 de novembro o IES Primeiro de Marzo (Baiona) acollerá unha charla que porá o foco na “Ciberseguridade: que son os piratas informáticos e por que precisamos deles”. A conferencia correrá a cargo de Manuel Caeiro Rodríguez, doutor en Enxeñería Telemática da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo, para explicar como os hackers éticos traballan para empresas atacando os seus propios sistemas informáticos co obxectivo de determinar cales son os seus puntos vulnerables, para así poder fortalecerse e evitar ataques realmente maliciosos.
Con estas charlas péchase a terceira edición do ciclo que rende homenaxe co seu nome á bióloga viguesa Aida Fernández Ríos e que xa desenvolveu oito conferencias destinadas ao conxunto da cidadanía entre os meses de maio e xuño. Nelas versouse sobre a enfermidade do alzhéimer, a intelixencia artificial ou como afronta a poboación o cambio climático, temas cos que se busca espertar o interese do gran público sobre cuestións de actualidade científica con repercusión social e impulsar así, o labor científico en Galicia.