O Servizo de Medicina Intensiva do Chuvi salvou 70 vidas grazas á terapia de circulación extracorpórea

Funcionamiento da Unidade de Cuidados Intensivos do Hospital Álvaro Cunqueiro, Vigo, 22/01/21.

O Servizo de Medicina Intensiva do Chuvi ven de tratar coa técnica ECMO -circulación por membrana extracorpórea- ao seu paciente número100. Trátase dun equipamento técnico que realiza as funcións do corazón, dos pulmóns ou de ambos órganos ao tempo.

Segundo explica o intensivista Nacho Chico, “os resultados son moi satisfactorios xa que dos 100 pacientes tratados con esta terapia, que estaban practicamente deshauciados, conseguimos salvar a vida a 70. Sen dubida, é a técnica máis eficaz e esperanzadora para aqueles enfermos moi graves, e a que máis ten cambiado os prognósticos e os índices de supervivencia da UCI desde a ventilación mecánica”.

O obxectivo é que o pulmón e o corazón se recuperen das súas lesións mentres unha máquina realiza algunha das súas funcións. “Ten unhas indicacións moi concretas, para pacientes con enfermidade respiratoria ou cardíaca grave, ou en parada cardíaca, cando o resto das terapias convencionais teñen fracasado. Entón é cando nos prantexamos esta técnica. A máquina en se mesma non cura, pero posibilita sustituir a función dos órganos mentres se recuperan ou se trata a enfermidade causal”, asegura o doutor Chico.

Esta terapia consiste na extracción do sangue do paciente, para facela pasar por unha máquina que a osixena, e posteriomente retornala ao sistema circulatorio. O sangue extraese a través dunha cánula conectada á vea femoral, na ingua, e volta ao corpo por outra cánula introducida na vea xugular do pescozo ou na arteria femoral, segundo a modalidade de ECMO utilizada. Así, todo o sangue do corpo humano (uns 5 litros) circula en 1 minuto a través deste circuíto externo. “É unha técnica moi especializada e que require dun traballo multidisciplinar, polo que colaboramos xunto con outros servizos como cirurxía cardíaca”.

Formación específica

O primeiro paciente tratado con ECMO na UCI do Álvaro Cunqueiro foi a mediados do 2016. A posta en marcha desta nova técnica requiriu que algúns profesionais do equipo recibiran formación previa específica no seu manexo, e estiveron formándose nalgúns hospitais con maior experiencia no emprego desta técnica, en París, San Diego ou Sydney. Posteriormente, se converteron eles en formadores, axundando á implantación do ECMO noutros centros de Galicia.

O seu adestramento e experiencia motivou que foran requiridos doutros hospitais para realizar esta técnica. Así o equipo vigués desprazouse ata ás Unidades de Coidados Intensivos dos hospitais públicos de Pontevedra e Ourense, onde canularon a 13 pacientes.

Seis pacientes Covid tratados con estas terapias

No que vai de pandemia, na Unidade de Coidados Intensivos levan tratado con estas técnicas de circulación extracorpórea a seis pacientes con Covid19.

A infección por este coronavirus produce un cadro chamado distrés respiratorio agudo severo. Sen embargo, os intensivistas teñen constatando que a reacción inflamatoria que provoca a Covid nos pulmóns é, en ocasións, diferente ao distrés clásico xa que, en xeral, os enfermos presentan unha osixenación aceptable pero teñen incapacidade para eliminar o dióxido de carbono do sangue. Unha elevada concentración de CO2 é un factor de moi mal prognóstico, asociado a unha maior mortalidade.

Neste contexto, o servizo de Medicina Intensiva puxo en marcha, en outubro do pasado ano, unha nova terapia para estes pacientes. Trátase dunha técnica extracorpórea de lavado de dióxido de carbono (CO2), similar ao ECMO, e coñecida como ECCO2R.

É un sistema de soporte respiratorio que é capaz de mimetizar o funcionamento do pulmón. A diferencia fundamental co ECMO é que busca unha finalidade diferente -eliminar o CO2 e non tanto osixenar- polo que necesita menos fluxo de sangue e, en consecuencia, as membranas utilizadas son máis pequenas, empregando unha sola cánula extractora, tamén máis estreita, e diminuíndo así a necesidade de anticoagulación. En xeral, é una técnica menos invasiva que o ECMO, e diminúe considerablemente o risco de complicacións.