O PP culpa ao alcalde de Gondomar do atraso na entrega do centro de saúde

A presidenta do PP de Gondomar, Paula Bouzós, acusou hoxe ao goberno municipal de atrasar a apertura do centro de saúde que a Xunta de Galicia xa finalizou no municipio. Entende, a líder popular, que non hai dereito a que os veciños sigan esperando máis tempo por esta infraestrutura “por simple capricho do alcalde”.

De “lamentable” cualificou que unha obra deste calado e de tanta importancia para os veciños e profesionais sanitarios leve máis de seis meses, desde que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) reclamou ao Concello por primeira vez iniciar os trámites de conexión, esperando polas subministracións.

Así, criticou que cando a obra xa está recibida pola Xunta de Galicia, a falta de xestión por parte do Goberno municipal impida a súa recepción definitiva e, en consecuencia, que os pacientes e profesionais do municipio teñan á súa disposición unha infraestrutura sanitaria moderna e adaptada ás necesidades presentes e futuras.

Segundo explicou, o 10 de decembro de 2018 o Sergas solicita por escrito ao Concello de Gondomar que, de conformidade cos compromisos adquiridos na escritura da cesión da parcela, proceda a realizar os trámites e obras necesarias para que o novo centro de saúde teña as conexións suficientes para a súa posta en funcionamento.

Sen resposta desde entón, catro meses máis tarde ínstase ao Concello a que informe da data prevista para a conexión das diferentes instalacións; e xa o pasado 7 de maio de novo requíreselle para que execute as infraestruturas e conexións aos sistemas de abastecemento que impiden a recepción definitiva da obra, sen que ata o momento téñanse noticias.

Bouzós, que explicou que se decatou desta situación tras interesarse polo atraso na posta en marcha do centro sanitario, instou ao alcalde a executar de maneira inmediata as conexións necesarias para que a infraestrutura dispoña das subministracións básicas de luz e auga.