As choivas provocan inundacións en Nigrán e Gondomar

Nas últimas horas, o río Miñor presentou valores de caudal por encima dos limiares establecidos, polo que, desde o 112 Galicia, foron informados os servizos de emerxencias da zona para adoptar as medidas de prevención correspondentes. Convén lembrar que a Xunta de Galicia mantén activo o Plan Inungal co fin de realizar un seguimento e control sobre os distintos cursos fluviais, que nas próximas horas poden experimentar aumentos de caudal e provocar, por tanto, desbordamentos puntuais.

De feito, o 112 Galicia tivo coñecemento, durante esta noite, de incidencias nos concellos de Gondomar, O Porriño e Oia, que estiveron relacionadas coa subida dos niveis de auga en regatos e ríos coa consecuente inundación de zonas lindeiras.

En Gondomar, provocou os habituais incidentes no punto de confluencia entre o Miñor e o Zamáns na zona da Coelleira, onde as canchas de fútbol e baloncesto, o complexo deportivo do skatepark inaugurado o pasado mes de decembro, o antigo matadoiro, As Ánimas, ademais de multitude de puntos no percorrido do Miñor ata a súa desembocadura na Ramallosa, amenceron asolagadas de auga. Ademais, en Mañufe houbo un desbordamento que provocou a inundación da ponte romana sen causar danos.

Dos tres episodios sucedidos na localidade desde finais do pasado ano, este foi sen dúbida o de maior alcance, e a última hora desta mañá o leito do principal río gondomareño baixaba cunha forza pouco habitual ocorrendo en menor medida no seu afluente. As consecuencias da climatoloxía non só traducíronse en desbordes, as precipitacións caídas durante a noite foron tales que provocaron o derrube parcial dun tramo do muro do Pazo do Conde de Gondomar, ademais de diversos noiros en varias parroquias da localidade.

A pesar de que a alerta activada onte polo 112 advertindo do risco de inundacións estaba centrada no de Gondomar, as crecidas tamén afectaron ao Muíños provocando desbordamentos ao seu paso, sobre todo, pola contorna da senda situada en Porto do Molle, en Nigrán. Unha situación aínda palpable durante este mediodía e que se produce unha semana despois de que a Xunta anunciase un ambicioso proxecto para acabar con este tipo de situacións na condal por 2,6 millóns de euros.

O río Miñor engádese á lista de ríos que, nas últimas horas, presentaron niveis altos de caudal con risco evidente de puntuais desbordamentos, como é o caso do río Mero, na Telva, en Cambre.