O PP rexeita que os orzamentos da Xunta contemplen unha partida para urbanizar a travesía de A Ramallosa

O PP non contempla a renovación urbana do deteriorado centro de A Ramallosa, desbotando a emenda coa que o BNG pretendía que a Xunta de Galicia reservase 300.000 euros para acometela, coa humanización do tramo da vía de titularidade autonómica PO-552 que atravesa a poboación. A falta de mantemento, así como a ausencia dende fai décadas da reposición das beirarrúas, deixa un tramo de estrada inhóspito e degradado no que tradicionalmente é o centro comercial e de servizos do Val Miñor.

“Esta travesía conta con beirarrúas moi estreitas que dificultan enormemente o tránsito peonil pola mesma, o cal unido á alta densidade de circulación, impide que sexa unha rúa atractiva comercialmente, amosando locais baleiros e un aspecto xeral de abandono. Por iso resulta imprescindible que o goberno galego, a quen pertence a estrada, aborde a súa urbanización, aínda que sexa en concurso co Concello, como responsable dos servizos urbanos que deben ser renovados”, afirma Xavier Rodríguez.

Dende o BNG propoñen a eliminación do estacionamento neste tramo de Manuel Lemos, ao obxecto de poder gañar espazo para ensanchar as beirarrúas. “Ao mesmo tempo isto fai necesario a apertura do irregularmente pechado aparcamento da piscina, que debe abordar dunha vez o goberno municipal, para solucionar os problemas de estacionamento na contorna”.

“Para poder desenvolver axeitadamente unha actuación ambiciosa amósase como imprescindible a colaboración entre Concello e Xunta, que debería concretarse nun convenio para o financiamento das obras. Nós instamos ao Alcalde de Nigrán a redactar unha proposta e o seu traslado formal ao goberno galego, a diferenza do que fixo coa rúa Otero Pedrayo, da que rematou solicitando o traspaso da súa titularidade nun estado lamentable no que aínda continúa”, conclúe o responsable local do BNG.