Nigrán iniciará no vindeiro pleno os trámites para irmandarse co municipio coruñés de Valdoviño

O goberno de Nigrán iniciará no vindeiro pleno ordinario do 22 de febreiro os trámites de irmandamento co coruñés de Valdoviño co obxectivo de promover e fomentar a cultura surfista que comparten desde a orixe deste deporte en Galicia nos anos 70. Ambos rexedores, Juan González (Nigrán) e Alberto González (Valdoviño) abordaran xa cuestión na presentación do Oceano Surf Museo de Valdoviño na praia de Patos no 2018 e, posteriormente, o alcalde de Nigrán desprazárase ata alí. Sería o primeiro irmandamento para Nigrán e conta xa co apoio da Federación Galega de Surf e a Asociación de Escolas de Surf de Patos. O municipio traballa paralelamente co irmandamento de Castinheira de Pera, en Portugal, localidade do centro luso que tamén sufriu duramente a vaga de lumes de 2017.

“Os dous concellos desexamos fomentar a cultura surfista común e promover os valores que conleva. Sería o primeiro irmandamento para Nigrán e unha fórmula excelente para manter e formalizar ese vínculo que xa nos une dende os anos 70”, reflexiona o rexedor nigranés, quen confirmou co seu homólogo a intención de que eles leven a cuestión ao pleno de marzo.

A cultura do deporte sobre as ondas está cada vez máis arraigada entre a cidadanía e conleva un xeito de vida ecolóxico, san e sostible. O surf ademais supón para Nigrán un importante revulsivo económico, o barrio de Patos en Panxón, coas praias da Cansadoura, o Pico de Patos e o propio areal de Patos, son o espazo dunha gran cantidade de escolas de surf e, paralelamente, de negocios de hostalería e tendas temáticas. Ademais, nos dous municipios supoñen un atractivo turístico durante todo o ano, especialmente no inverno, cando os bañistas desaparecen. Xusto durante eses meses celébranse campionatos locais, autonómicos, nacionais e internacionais xa recoñecidos e que reforzan esa imaxe de municipios sans, saudables, ecolóxicos e onde a natureza é a protagonistas.

En Valdoviño, o propio Océano Surf Museo, único de España dedicado a este deporte, recolle documentalmente (mediante fotos e vídeos cedidos) aos surfistas pioneiros en Galicia, que comezaron na praia de Patos atraídos polo aspecto natural e salvaxe deste areal e que pouco despois tamén chegaron a contorna de Ferrol.

Historia do surf en Nigrán

Os amigos vigueses Nicolás Pita, Ángeles Vega e os irmáns Montenegro (Nacho e Víctor) foron os primeiros surfistas en Galicia e comezaron a súa andaina na praia de Patos a mediados dos anos 60, cando o común dos mortais descoñecía por completo a existencia do surf. Tras fabricar as súas primeiras táboas con pouco éxito, en 1969 viaxaron en coche ata Biarritz para mercar unha que se irían turnando ata 1972, cando Ángeles compra outra en Asturias por 8.300 pesetas (o seu soldo mensual). Sen embargo, un feito transcendente para eles foi a chegada fortuíta de tres australianos a Patos en 1974 , os ‘australian people’ trasmitíronlle as ensinanzas básicas que lles permitiron evolucionar como surfistas e ampliar a súa perspectiva deste deporte (compre recordar que en Patos existía un cámping no que, de cando en vez, chegaban estranxeiros que practicaban surf e que contribuíron a súa expansión).

Pero se algún nome está vinculado ao inicio do surf en Galicia e a familia Irisarri. Setes dos 14 irmáns desta familia viguesa se iniciaron no surf en 1975 na Praia de Patos, onde ata entón estaban sos Nicolás Pita, Ángeles Vega e os irmáns Montenegro. Os Irisarri eran todos uns apaixonados deportistas e ata entón practicaban pesca submarina, camiño polo que se interesaron despois polo surf e a súa cultura e valores asociados. Entre eles, tal e como relata Jesús Busto, presidente do Océano Surf Museo de Valdoviño, destaca Vicente “su figura es transcendental en la historia del surf gallego, además de por haber sido el impulsor principal del Pantín Classic, es porque a principios de los 80 se constituyó como el nexo de unión entre las tres áreas principales del surf gallego: Vigo, La Coruña y Ferrol”. Aos 26 anos, por cuestións laborais debidas á súa formación como enxeñeiro naval, Vicente mudouse a Ferrol, onde coincide con Caros Bremón, surfista tamén pioneiro no norte galego. “Su carácter abierto y dialogante no sólo ayudó a disminuir la rivalidad entre las tres zonas costeras, sino que ha permitido que a lo largo de los años se hayan tendido robustos lazos de unión entre las distintas comunidades de surfistas gallegos”, relata Busto.

As viaxes dos irmáns Irisarri, como os desprazamentos laborais a Sudáfrica de José a finais dos 70, permitiron que chegaran a Patos as mellores táboas do momento ou traxes de neopreno que en España eran moi difíciles de acadar (ata entón practicaban surf en bañador, e aos 7 minutos na auga perdían a sensibilidade). Atrás quedaban anos de inxenios para, de xeito artesanal, acadar todo o preciso para practicar esta disciplina.

A partir de 1986 o surf xa se populariza en Patos e a apertura da primeira tenda especializada en Vigo en 1990, Novalbos, consolida por completo este deporte na comarca e, especialmente, en Nigrán coa praia de Patos.

“Os lazos entre ambos municipios son evidentes dende o punto de vista cultural e humano, agora só se trataría de formalizalos e impulsalos a través das institucións a través dun irmandamento”, conclúe o alcalde de Nigrán ao respecto.