Esquerda Unida e Podemos preguntarán no pleno de Nigrán polas probas do Covid do Servizo de Axuda a Domicilio

Desde Esquerda Unida e Podemos de Nigrán considéranse graves as informacións aparecidas este fin de semana segundo as cales o Alcalde de Nigrán prometeu ao persoal do Servizo de Atención a Domicilio do Concello a realización de PCRs, sen que até o día de hoxe se lle fixeran.

É por iso polo que lle facilitarán ao Alcalde un listado de preguntas sobre o tema para que aclare a situación da que informaron varios medios nestes días. En caso de que non quixera informar, tamén se lle facilitarán as preguntas a concelleiros, tanto do grupo de goberno como da oposición, por se algún quere asumir as preguntas que formulan.

En concreto, as preguntas intentarán dirimir se é certo que se están facendo probas ao persoal do Concello, e de ser afirmativo, se tamén se lle fan aos membros da corporación, así como o custe que están supoñendo estas probas para as arcas locais, facilitando a transparencia nesta difícil situación. Ademais se lle preguntará se é certo que se lle pediron os datos ao persoal que presta o Servizo de Atención a Domicilio para facerlles probas para detectar o coronavirus SARS COV 2, e o por que de seguir sen elas realizadas.

Esquerda Unida e Podemos ven positivo que se lle fagan probas para a detección do COVID ao persoal do Concello polo que considerarían positivo que continuase a práctica, aínda que sería desexable que se estenderan a toda a poboación. “Entendendo que iso sería responsabilidade da Xunta, polo menos o goberno local debería facerse cargo do persoal do servizo de Atención a Domicilio de Nigrán, xa que están traballando con persoas sensibles, ademais da importancia da súa saúde propia”, conclúen.