O Roupeiro Municipal de Nigrán abrirá mediante cita previa mentres duren as restricións máximas

O Concello de Nigrán establece desde esta mesma semana e mentres duren as restricións máximas a apertura do Roupeiro Municipal só mediante cita previa no 986365000 ou no mail info@nigran.org. Así mesmo, recolleranse achegas urxentes a través da Oficina de Información Cidadá da Casa do Concello (de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas) pese a que, preferentemente, se pide que se realicen as doazóns na propia instalación cando pasen estas medidas extraordinarias de contención da Covid-19 para evitar agora mesmo desprazamentos e contactos innecesarios (rógase non deixar bolsas na porta).

O Roupeiro, situado ao carón do IES Val Miñor na rúa Paradellas, é un servizo creado no ano 2009 e único na área de Vigo polo seu carácter municipal, ofrecéndose prendas a calquera persoa independentemente do municipio onde resida e non sendo preciso ningún tipo de xustificación da necesidade. “Trátase de extremar ao máximo os protocolos para protexer a saúde dos usuarios e das propias voluntarias que atenden o Roupeiro. As peticións de fóra veranse limitadas ao haber peches perimetrais pero o servizo seguirá funcionando para todo aquel que precise roupa, desde o Concello facilitaremos a entrega”, explica o alcalde, Juan González.