A unidade de patoloxía de mama do Chuvi experimentou un incremento na súa actividade asistencial

Con motivo do Día Mundial do Cancro de Mama que se celebra hoxe, a Área Sanitaria de Vigo xunto coas Asociacións ADICAM e AECC desenvolveu varias accións informativas para sumarse así a esta celebración. O xerente da Área, Javier Puente, achegouse ao hospital do Meixoeiro onde felicitou ás Asociacións e ao persoal da Unidade de Patoloxía Mamaria pola súa dedicación e compromiso con esta enfermidade.

612 intervencións cirúrxicas

Os profesionais da Unidade diagnosticaron en 2021 un total de 423 casos novos de cancro de mama, un 9% máis que no ano anterior. Destes casos, sete foron homes. Como novidade, cabe subliñar a incorporación dun novo especialista en cirurxía de mama, polo que no momento actual a Unidade conta con 6 cirurxiáns, que realizaron un cento de operacións máis que o pasado ano, rexistrando un total de 612 intervencións cirúrxicas de mama.

Segundo explica a coordinadora da Unidade de Patoloxía Mamaria, Rosa Mallo, “esta Unidade non deixa de crecer, tanto en recursos humanos como espaciais e tecnolóxicos; crecemento que vai parello ao incremento de actividade. Neste momento contamos con novas instalacións, cunha estrutura que duplica a superficie da anterior, e cun cadro de persoal ben dimensionado, con profesionais altamente cualificados e cos recursos técnicos máis avanzados para un diagnóstico e tratamento desta enfermidade da máxima calidade”.

2 novos equipos ecográficos

No momento actual, o Meixoeiro conta con modernos equipamentos tecnolóxicos que permiten gran precisión, o que facilita o diagnóstico de cancros moi pequenos e sutís, e en estadíos máis temperáns. Neste contexto hai que subliñar a renovación do equipamento ecográfico, coa incorporación de 2 novos ecógrafos de última xeración. “As ecografías de mama son fundamentais para o diagnóstico de patoloxía de mama e como guía de procedementos intervencionistas diagnósticos e terapéuticos que aportan un gran valor, pola súa refutabilidade diagnóstica, e pola comodidade e seguridade dos pacientes”. O pasado ano na Unidade realizáronse 7.372 ecografías de mama; ademais de 8.603 mamografías e 805 Resonancias Magnéticas.

O 58% das pacientes derivadas de Atención Primaria

A Unidade dispón dunha Vía Rápida para atender aos pacientes con criterios de sospeita de carcinoma de mama; isto é, un circuíto asistencial que garante que calquera paciente con sospeita dunha lesión mamaria sexa atendido nesta Unidade en menos dunha semana. A través desta Vía estudáronse a 3.098 pacientes, o 58% derivados polos facultativos de Atención Primaria e o 30% do Programa galego de Prevención do Cancro de mama. O resto de pacientes son derivados á Vía Rápida por outros servizos hospitalarios, como as Urxencias. É necesario poñer en valor o traballo realizado polos facultativos dos centros de saúde, xa que máis da metade das pacientes son derivadas directamente desde atención primaria á nosa Unidade, o que supón unha gran axilización do proceso”, explica a doutora Mallo.

Incremento da Consulta Asesoramento de Risco Familiar

A Unidade de Patoloxía de Mama ofrece unha abordaxe integral das lesións mamarias, tanto benignas como malignas. Así, no hospital Meixoeiro centralízanse, ademais das probas de diagnóstico por imaxe, todos os tratamentos cirúrxicos e radioterápicos de mama realizados no Chuvi. Está integrada por especialistas dos servizos de Radiodiagnóstico, Anatomía patolóxica, Cirurxía xeral, Xinecoloxía, Técnicos e Enfermaría. Conta, ademais, co apoio dos servizos de Oncoloxía médica, Radioterapia, Psiquiatría, Xeriatría, Rehabilitación, Anestesia e Cirurxía plástica.

Segundo afirman os especialistas a prevención e o diagnóstico precoz son fundamentais na loita contra esta enfermidade. Neste senso, ademais dos programas preventivos de cribado poboacional -nos que se realizan mamografías a todas as mulleres entre 50 e 69 anos- tamén é importante a estratificación das pacientes por nivel de risco. Así, a Unidade de mama tamén conta cunha Consulta de Asesoramento de Risco en Cancro de Mama, que o pasado ano atendeu en primeira consulta médica a 264 mulleres (incremento dun 15%). En canto aos estudos xenéticos, solicitáronse 115, un 30% máis que no ano anterior.

Nesta consulta específica aténdese ás pacientes que por franxa de idade non son subsidiarias dun cribado poboacional, pero que, por antecedentes persoais ou familiares, precisan dun seguimento diferente.