A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro na provincia da Pontevedra

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra e por vento na Mariña lucense.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro afectará ao noroeste, oeste e suroeste do litoral coruñés e a toda a costa da provincia de Pontevedra a partir da tarde de mañá, con vento do sur ou sureste forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 6 metros. O resto do litoral galego permanecerá en alerta amarela.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa tamén dun fenómeno adverso de nivel laranxa por ventos do sur e suroeste con refachos de ata 100 km/h que afectará a partir da madrugada do mércores á Mariña de Lugo. Nas provincias da Coruña e Pontevedra o nivel de alerta será amarelo e agárdanse refachos de 80 km/h.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincia afectada; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra nas zonas afectadas a importancia de manterse afastados da liña de costa, isto é, de diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Tamén se aconsella extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Polo que respecta ao vento, cómpre lembrar a importancia de seguir as medidas de protección como retirar os obxectos que poidan caer á rúa dende os tellados, balcóns e fiestras e evitar pasar preto de edificios en ruínas, en construción, árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse co vento.

Ademais, recoméndase consultar a páxina web do CIAE 112 (axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.