Gondomar mellora a seguridade viaria nas inmediacións do Pavillón de Deportes

As obras de mellora da seguridade viaria na estrada EP-2303 Gondomar-Vilaza-Parada xa están en marcha co obxectivo de seguir ampliando a implantación dun modelo seguro e sustentable da rede viaria na provincia, e concretamente no Concello de Gondomar.

O alcalde e técnicos da Deputación provincial visitaron nas últimas horas esta actuación que contempla a construción dun muro de contención e unha senda peonil para garantir a seguridade nas inmediacións do Pavillón Municipal, institutos e o campo de Fútbol de As Gaiandas, situados nesa contorna.

A obra, que desenvolve a Deputación Provincial, conta cun orzamento de 32.000 euros e ten un período de execución de dous meses, aproximadamente. Nela contémplase unha senda peonil de 2,5 metros de ancho na súa marxe dereita, enlazando coas beirarrúas existentes na estrada. Ademais ampliarase a plataforma de vía, e se construirá un muro de contención de 2,3 metros de altura e 60 metros de longo, executándose os recheos precisos para garantir a súa conservación.

Por último colocarase unha barreira protectora e separadores reflectores para delimitar de forma clara a senda da calzada.