O PP de Nigrán presenta unha moción para que se execute o proxecto de urbanización do Camiño Vello

Desde o seu anuncio por parte do Alcalde de Nigrán, en xaneiro do 2017, o proxecto de urbanización do Camiño Vello segue paralizado, segundo o Partido Popular, “pola clara falta de xestión e interese do Sr. González, todo un especialista en anunciar aos catro ventos, pero moi pouco efectivo en realizar o que anuncia”. Nese anuncio, o rexedor cualificaba a obra como necesaria e urxente: “Trátase dunha rúa con moitos veciños e moito tráfico rodado e peonil, polo que é urxente abordar a súa transformación, sen recorrer a expropiacións inviables, para que de verdade este sexa un Nigrán accesible para todos”.

O portavoz popular, Carlos Abal, lembra que o terceiro trimestre do 2017 contratouse a redacción de proxecto e gastáronse máis de 19.000€ sen ter pechados os acordos de cesión cos propietarios, algo que considera bastante temerario, “mesmo xa cando o anunciou en xaneiro”. Posteriormente en 2018 comprométese a que o proxecto se incluirá no Plan Concellos dese ano, o que finalmente non se fixo. “Como noutros proxectos, despois de conseguir unha mínima parte dos acordos cos propietarios, o proxecto volveu ao caixón dos esquecidos e aí continua hoxe en día, como di a canción todo segue igual”.

O PP de Nigrán solicita que se renove a xestión para a obtención dos acordos de cesión por parte dos propietarios, e en paralelo solicítese á Deputación a inclusión deste proxecto, que cifra máis de 618.000€, no Plan Concellos do 2021, para evitar que o Concello teña que investir unha cifra tan importante, “algo que se llo propón, pode conseguilo dada a súa gran sintonía coa Deputación de Pontevedra”.

“Queremos lembrarlle que a execución deste proxecto está no seu programa electoral e os veciños da zona demándano de forma insistente, así que, por unha vez, cumpra as súas promesas e leve adiante o proxecto. Se o PSOE vota en contra, esperamos que os veciños, polo menos, tomen nota do que valen as promesas do noso Alcalde do PSOE”, conclúe Carlos Abal.