Araújo advirte que o novo regulamento do punto limpo abre a porta a cobrar unha taxa polo seu uso

Punto limpo de Vincios.

O Pleno de Gondomar celebrado este venres aprobou definitivamente o novo regulamento do Punto Limpo cos votos a favor do PSOE e Ciudadanos. Os demais grupos da corporación votaron en contra, “basicamente por unha razón, porque abre a porta ao cobro dunha taxa por levar residuos ao Punto Limpo”, afirma Antonio Araújo.

“Cobrar unha taxa por levar residuos ao Punto Limpo supoñerá na práctica a morte do mesmo e todo o que iso pode conlevar de volver ás verteduras incontroladas no monte, polos camiños, etc. Ademais é un castigo a aqueles cidadáns que civicamente apostamos pola reciclaxe levando os nosos residuos ao Punto Limpo, e que acabaríamos pagando dúas veces: a taxa ordinaria da recollida de RSU e outra por verter no punto Limpo”, advirte o portavoz de Manifesto Miñor.

Araújo lamenta que “esta situación é a previsible (ou folla de ruta establecida polo Goberno Municipal do PSOE), e foi denunciado por Manifesto Miñor cando a adxudicación do novo contrato da recollida de RSU a FCC. Daquela dicíamos que os puntos limpos son a antítese do negocio da recollida de RSU, polo tanto, que a mesma empresa xestione os dous servizos é como poñer a raposa a gardar o galiñeiro”.

A maiores, Araújo considera que o labor pedagóxico e de concienciación do punto limpo de Gondomar co regulamento aprobado queda reducida á mínima expresión. “Os peores presaxios de Manifesto Miñor, lamentablemente, comezan a facerse realidade. Coa implantación dunha taxa por usar o Punto Limpo o seu futuro entraría nunha fase de incerteza, cando a realidade indica que a día de hoxe Gondomar precisaría outro Punto Limpo máis… pero, isto vai en contra do negocio das empresas de recollida de RSU e dos intereses políticos do Sr. Ferreira”.