A iniciativa cidadá europea desembarca en Baiona

O pasado luns investigadores procedentes de varios puntos de Europa que se atopaban realizando unhas xornadas de traballo na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, realizaron unha pausa no seu labor para visitar Baiona. Nun lugar tan sinalado como o Parador, o alcalde, Carlos Gómez Prado, acompañado de Fernando López Maciel (veciño da localidade), deron a benvida ao grupo e resumíronlle brevemente a historia da vila.

O grupo de investigadores traballa no proxecto “ECI from A to Z: A tool for engagement and active citizenship” (https://eci-az.eu), que ten como obxectivo xeral contribuír ao desenvolvemento de competencias e habilidades na educación superior. Trátase de desenvolver as ferramentas máis axeitadas para que os estudantes sexan conscientes das súas posibilidades de compromiso e participación cidadá nas diferentes esferas da vida pública europea.

O instrumento da Iniciativa Cidadá Europea estableceu no Tratado da Unión Europea e no Tratado de Funcionamento da Unión Europea un terreo ideal para o desenvolvemento do compromiso e participación cidadás, xa que non só inclúe procedementos e mecanismos a través dos que os participantes poden facer chegar os seus argumentos, propostas e actividades, senón que ademais promove o pensamento crítico e busca que as políticas e as leis da UE sexan máis abertas.

Carlos Gómez Prado considerou na breve reunión que as novas xeracións teñen que participar e comprometerse coas institucións, non só europeas, senón tamén estatais, autonómicas e, por que non, locais. “Os cidadáns europeos, e entre eles as veciñas e os veciños de Baiona, teñen que saber que hai unha forma sinxela de facer chegar as súas propostas ás institucións comunitarias, e que estas teñen o deber de escoitalas. Vimos este último ano e medio que a administración e os cidadáns podemos traballar xuntos para superar incluso unha pandemia. Ferramentas como a Iniciativa Cidadá Europea contribúen á xeración de mellores ideas, pero ademais facilitan que a histórica distancia entre a cidadanía e os seus representantes sexa menor”.

Na visita a Baiona estivo Dulce Lopes (Universidade de Coimbra), coordinadora do proxecto ECI; Eduardo Figueiredo, Silvia Nolan, Joao Costa e Silva e Rita Duarte (investigadores da Universidade de Coimbra); Yilly Vanessa Pacheco (investigadora da Universidade Georg- August de Göttingen); Ana Maria Bercu (investigadora da Universidade de Iasi); Pablo Riquelme Vázquez, Tamara Álvarez Robles e Koldo Martín Sevillano (investigadores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo).