O Álvaro Cunqueiro pioneiro en Galicia do recambio da válvula mitral

A Área de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo incorporou á súa carteira de servizos unha nova técnica pola que é posible substituír a válvula mitral no corazón do paciente por unha próteses a través dun procedemento minimamente invasivo, por unha pequena incisión no tórax. Así, o Álvaro Cunqueiro convértese no primeiro hospital de Galicia e no terceiro de España en realizar esta técnica. Coa súa posta en marcha no Servizo Galego de Saúde, Galicia sitúase á vangarda deste tipo de tratamentos.

Os primeiros receptores foron dous pacientes, unha muller de 68 anos e un home de 77, aos que a pasada semana implantóuselles unha prótese da mitral a través da vía transapical. Segundo explica un dos responsables destas intervencións, o cardiólogo Rodrigo Estévez-Loureiro, “a abordaxe consiste en levar a endoprótese ata o corazón, utilizando un catéter que se introduce a través dunha pequena incisión debaixo do peito do paciente ata conseguir a súa colocación definitiva na posición correcta. Todo este proceso se realiza sen parar o corazón. Estamos moi satisfeitos cos resultados nos dous primeiros pacientes, xa que resultou un éxito e ambos están xa en planta e presentan unha evolución favorable”.

Mellores resultados

Debido ó alto risco dunha operación cirúrxica convencional neste tipo de pacientes, o servizo de Cardioloxía dirixido polo doutor Andrés Íñiguez e o de Cirurxía Cardíaca dirixido polo doutor Juan José Legarra decidíronse a realizar a implantación de endopróteses mediante técnicas a través de catéter, que son moito menos invasivas. Están indicadas en pacientes que non son bos candidatos a cirurxía convencional.

“Con estas técnicas minimamente invasivas, evítanse gran parte dos riscos e as complicacións asociadas a unha cirurxía clásica de corazón. Este último procedemento está especialmente indicado en pacientes que presentan perda de forza do corazón, con insuficiencias mitrais severas funcionais e de alto risco cirúrxico. Calculamos que poderíamos realizar entre 5 e 10 casos anuais de implantación valvular mitral por medio desta abordaxe”, explica Estévez-Loureiro.

Prótese especialmente deseñada

O equipo de especialistas do Complexo hospitalario vigués conta con gran experiencia nos implantes de determinadas próteses de corazón, “sen embargo, o recambio da válvula mitral non é como a da aorta. É moito máis complicado, xa que a mitral é unha válvula de maior tamaño e que está nunha localización delicada, rodeada de outras estruturas cardíacas importantes”, explica o doutor Estévez-Loureiro.

Outra das vantaxes deste procedemento, ademais de evitar a cirurxía aberta, radica na mesma próteses, que está especialmente deseñada para acomodarse ao anelo mitral e quedar perfectamente selada para evitar fugas de sangue do ventrículo á aurícula.

A prótese é de Nitinol, aliaxe de níquel e titanio, presenta unha gran elasticidade e está recuberta dunha membrana para conseguir un adecuado selado do anel.

Equipo multidisciplinar

Na realización destes procedementos participaron de forma conxunta facultativos e persoal de enfermería das Unidades de Cardioloxía Intervencionista, Imaxe Cardíaca, Cirurxía Cardíaca, Cardioloxía Clínica e Anestesia, xa que se ben se trata dun procedemento menos invasivo que unha operación a corazón aberto, é necesaria igualmente a colaboración multidisciplinar de varios especialistas.

O equipo sanitario controla os movementos do catéter e o modo en que se van desenvolvendo todos os pasos a través de distintas técnicas de imaxe como a fluoroscopia, a ecocardiografía transesofáxica e o TAC.