O PP de Gondomar manifesta o seu malestar polos cortes de subministro eléctrico

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Vista desde a Capela da Merced de Chaín.

O Partido Popular manifesta a través da súa voceira Paula Bouzós o seu malestar polos continuos cortes de subministro eléctrico sen previo aviso, que veñen padecendo os veciños das parroquias de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso, debido ás deficientes instalacións da rede de subministro o que provoca as continuas avarías, e apoia as demandas dos veciños afectados. Así o manifestou aos veciños presentes na noite do pasado xoves, cando se desprazou á parroquia de Peitieiros para interesarse polos motivos destes cortes de subministro, falando ademais coa empresa, que estaba realizando os traballos de reparación e chamando directamente á subministradora.

O pasado 24 de decembro, xusto na Noiteboa que debería ser unha noite de celebración para todas as familias e que por este motivo transformouse nunha noite de tristura, desolación e impotencia ante estes feitos, estendéndose os mesmos durante moitas horas dos días 25 e 26 de decembro. A maiores neste mes tamén houbo varios cortes de subministro de varias horas de duración, que veñen a sumarse aos que regularmente veñen sufrindo.

Estes continuos cortes no subministro eléctrico provocan moitos problemas que afectan á vida cotiá, causando a perda de alimentos por desconxelación, maquinaria eléctrica e electrodomésticos que se avarían, sobre todo polas variacións de voltaxe que se producen con moita regularidade. Tamén vénse afectados os aparellos electrónicos, moi necesarios incluso para o traballo diario de moita xente. A todo isto hai que engadir os problemas que se ocasionan ás empresas e comercios que teñen que paralizar a súa actividade laboral por mor destes cortes.

No mes de abril do ano pasado producíronse varios avisos de interrupción do subministro eléctrico co pretexto de que se ían realizar traballos de mantemento e mellora da rede eléctrica nas zonas agora afectadas polos cortes continuos sen previo aviso. Isto quere dicir que as melloras efectuadas non producen efectos ou que non foron realmente melloras.

Por estes motivos o Partido Popular de Gondomar comezou coa recollida de sinaturas para presentar ante diversos organismos demandando melloras na rede de subministro e a compensación polos danos ocasionados, así como a presentación dunha moción ante o Pleno da Corporación Municipal reclamando do Goberno Municipal que interpoña as mesmas demandas. Así mesmo anima aos veciños a presentar unha reclamación por danos e prexuízos ante consumo e ante a empresa Naturgy.

A Unión Fenosa Distribución, S.A. (grupo Naturgy), que realice todas as obras necesarias para garantir o subministro eléctrico en condicións óptimas, evitando os continuos cortes de subministro que se producen nas parroquias de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso. Que atenda as reclamacións que fagan os usuarios polas avarías producidas nos seus aveños e polas perdas ocasionadas polos mencionados cortes, e aplique na vindeira factura unha compensación aos usuarios prexudicados.

Á Consellería de Industria da Xunta de Galicia, que se fagan todos os trámites necesarios coa empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. (grupo Naturgy) para garantir o subministro eléctrico e de calidade nas parroquias de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso no menor tempo posible, abrindo expediente á empresa subministradora para executar as medidas sancionadoras que fosen de aplicación.

Ao Goberno do Concello de Gondomar, que realice os trámites necesarios ante Unión Fenosa Distribución, S.A. (grupo Naturgy) e ante a Xunta de Galicia para garantir o subministro eléctrico de calidade en todo o termino municipal de Gondomar. Que tramite ante consumo as demandas que presenten os veciños afectados polo citados cortes de subministro eléctrico.

Do Instituto Galego de Consumo, que realice as xestións necesarias para demandar da empresa Naturgy que proceda a realizar as compensacións ás que teñan dereito os abonados afectados polos cortes de subministro.

“Non é de recibo que en pleno século XXI haxa parroquias que teñan unha rede de subministro eléctrico tan deficiente e que cada certo tempo deixa sen corrente a miles de veciños do noso concello”, remata dicindo Paula Bouzós.