Nigrán aproba en tempo récord 120.000 € en axudas directas ao sector hostaleiro e do taxi

O goberno de Nigrán aprobou coa unanimidade da Corporación no pleno desta mañá as bases para establecer axudas directas de 120.000 € ao sector hostaleiro afectado polo peche sanitario do 4 de novembro e ao sector do taxi da localidade prexudicado polas restrición de mobilidade. A cantidade da subvención finalmente incrementouse sobre o acordado inicialmente co sector para incluír tamén a bonificación na hostalaría do recibo trimestral da auga e a parte proporcional do lixo (un mes) e, no sector do taxi, a axuda será de 70 € para compensar o 75% do imposto de Rodaxe. Igualmente, para os desempregados da restauración por mor do peche e sen dereito a prestación establecéronse 750 €, sendo Nigrán a primeira administración en ter en conta a situación destas persoas.

“Tramitamos estas bases en tempo récord e sen agardar aos informes do interventor para poder acelerar ao máximo o pago aos hostaleiros, asumimos esa responsabilidade legal que vai implícita porque somos conscientes da urxencia”, explicou o alcalde, Juan González, antes de que tomase a palabra o propio interventor para ratificar os seus reparos suspensivos. “A situación é complicadísima, a Xunta foi quen decretou o peche e non vou a entrar en críticas, pero desde o goberno local non miramos a un lado e tomamos a iniciativa de aprobar as primeiras axudas ao respecto en toda a comarca nun tempo récord e sen esquecer aos desempregados sen prestación”, incidiu González.

As bases deberanse publicar no Boletín Oficial da Provincia e, a partir de aí, abrirase o prazo dun mes para presentar a documentación, polo que previsiblemente será a inicios de ano cando se poidan tramitar as solicitudes.

A maiores, o propio rexedor confirmou publicamente que manterá para o ano 2021 a bonificación do 75% da taxa por terrazas (máximo permitida por lei) e, adicionalmente, mentres duren as restricións, continuará co servizo de reparto gratuíto para os hostaleiros con delivery, medida que tomou con gran éxito o goberno local tras o peche decretado o 4 de novembro.

Ambulatorio de Panxón

O Concello de Nigrán desbloqueou a semana pasada a situación administrativa do antigo ambulatorio de Panxón que impedía, ata agora, a cesión da Tesorería General de la Seguridad Social a favor do consistorio. Paralelamente, o PP presentou unha moción no pleno para instar ao goberno a tramitar a transferencia do mesmo incidindo o seu voceiro en que non pode ser un Centro de Día (como defende o goberno xunto coas entidades veciñais) e si un centro de formación ao non ser o último unha competencia municipal e manifestando dúbidas da súa posible xestión. “Estamos xa na recta final para acadar a cesión, a partir de aí traballaremos para facer un Centro de Día”, resolveu González.

Comunidades de augas

Durante a quenda de rogos e preguntas o voceiro popular criticou duramente as axudas que o consistorio está prestando actualmente ás comunidades de augas de Camos e Chandebrito para regularizase por consideralas “entidades privadas sen un fin social”, polo que subliñou en que “a forma do Concello non é válida”, tachándoa de “chiringuito”. “As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a continuidade e seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias e que vostede considera privado”, explicou o alcalde, quen ratificou esta colaboración ante o fin das concesións que precisan renovarse. Deste xeito, co fin de adaptarse á normativa sanitaria, o Concello investirá preto de 55.000 € en diferentes obras en Lapela, Rotea e Piñeiros.