Nigrán prevé obter a cesión do antigo ambulatorio de Panxón a inicios de ano

O Concello de Nigrán vén de desbloquear esta semana a situación administrativa do antigo ambulatorio de Panxón que impedía, ata agora, a cesión da Tesorería General de la Seguridad Social a favor do consistorio. Un conflito na escritura, na que non figuraba a parte da parcela correspondente ao inmoble e adquirida ao Concello por poxa pública en 1975 polo Instituto Social da Marina, impedía que se materializase, circunstancia que esta semana foi definitivamente liquidada ante notario tras obter o informe favorable dos respectivos servizos xurídicos. Concretamente, o Concello elevou a escritura pública a compra-venda na que se recolle a segregación previa da parcela orixinal, dando así o último paso de cara a pronta cesión ao liquidarse este asunto urbanístico complexo froito tamén das respectivas competencias e cambios entre I.S.M e T.G.S.S.

Paralelamente, o Concello volverá trasladar esta mesma semana formalmente á delegación da Tesorería General da Seguridade Social en Pontevedra a solicitude na que se inclúe o uso social que o goberno local desexaría outorgarlle, preferentemente Centro de Día e para a terceira idade, aspecto do que a oficina provincial confirmou xa verbalmente que responderá favorablemente para despois dar traslado ao Ministerio de Sanidade, sendo Gestión Patrimonial del Estado quen resolva a cuestión atendendo aos informes enviados.

“Tras anos de bloqueo e complexísimo traballo burocrático, damos o último paso de cara a obter a cesión, sendo a previsión que o inmoble pase a ser de titularidade municipal a inicios de ano”, sinala o alcalde, Juan González, quen comunicou ao xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a intención do goberno local de facer un Centro de Día mediante unha concesión a unha entidade sen ánimo de lucro. “O Centro de Día da Mancomunidade resulta insuficiente e hai lista de agarda; o noso compromiso coa veciñanza de Panxón sempre foi dedicar o inmoble á terceira idade, agora estamos xa avanzando de cara á mellor fórmula de xestión do mesmo”, explica González, quen celebra que, ao fin, estea xa moi cerca o cambio de titularidade tras infinitos de problemas administrativos.

Este desbloqueo foi exposto polo propio alcalde aos representantes veciñais da parroquia de Panxón, que historicamente demandaban este uso social concreto para o inmoble.