Nigrán acenderá mañá o alumeado de Nadal cunha mensaxe sorpresa dos Reis Magos

O Concello de Nigrán acenderá o alumeado de Nadal este mércores ás 19:00 horas nunha xornada na que se estará proxectando en bucle desde as 17:00 ás 20:00 horas no Auditorio Municipal unha mensaxe sorpresa dos Reis Magos aos nenos e nenas de Nigrán. Trátase dun vídeo de 2 minutos de duración elaborado ex profeso desde Oriente por Melchor, Gaspar e Baltasar para a infancia de Nigrán, a quen as Súas Maxestades desexan comunicar de viva voz os seus plans para o 5 de xaneiro no municipio. O obxectivo de estar proxectándoo repetidamente no Auditorio é respectar sempre o aforo ao non concentrar o visionado nun único momento. O vídeo será posteriormente subido ás redes sociais do Concello.

Paralelamente, o Concello de Nigrán arrancará a programación oficial de Nadal este venres co concerto de Cherry Sweet ás 19:00 horas no Auditorio Municipal co aforo que estea permitido nese intre polas autoridades sanitarias. Cherry Sweet felicitará as festas co máis elegante e glamuroso Swing ao estilo dos anos 50. Contrabaixo, batería, guitarra e as voces harmonizadas das súas tres cantantes, propias dos arranxos do estilo, farán un percorrido por algunha das máis famosas melodías de Nadal: “Santa Claus is coming to town”, “Jingle bells rock”, “All I want for Christmas is you”, “White Christmas” e outros clásicos son parte da súa proposta para levar moita alegría e swing ao público. A programación cultural completa será anunciada esta semana despois de encaixar no calendario as propostas recibidas por parte de artistas de Nigrán para participar na liña de axudas municipal ao respecto (consiste na contratación dos mesmos para estas datas).

“Dedicamos este día do acendido aos nenos e nenas de Nigrán cunha mensaxe moi especial que nos enviaron para eles desde Oriente as Súas Maxestades. Sempre festexamos este día e este ano non quixemos deixar de facelo, simplemente buscamos unha alternativa axeitada ás circunstancias”, incide o rexedor, Juan González, quen recalca que o goberno local non considerou retirar o alumeado nestas festas ao ser un Concello con superávit nas contas. “Mantemos a mesma iluminación que o ano pasado porque é importante para o comercio local ter as rúas con vida e xerar un clima festivo que nos axude a desconectar, a infancia tamén o merece”, explica.