O Tribunal Supremo confirma a perda dunha subvención de Agader ao Concello de Gondomar

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo vén de rexeitar o recurso de reposición que o Concello de Gondomar interpuxera contra a sentenza de 8 de novembro de 2019, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a cal confirmaba a sentenza do 4 de xuño de 2018 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Santiago, que ao seu tempo desestimaba o recurso interposto polo Concello de Gondomar fronte a resolución do Director Xeral da Axencia de Desenvolvemento Rural do 29 de decembro de 2016 pola que se declarou a perda do dereito á cobranza da subvención concedida ao Concello de Gondomar para executar o proxecto de mellora e pavimentación do camiño de Cernada, en Vincios. Ademais o Tribunal Supremo condena en costas ao concello en favor de Agader.

O Concello de Gondomar recibiu no ano 2016 unha axuda de 65.876,00 € a través da Axencia de Desenvolvemento Rural (PLAN MARCO) para mellorar a pavimentación do camiño de Cernada, en Vincios, e facilitar así o acceso ás explotacións agrarias e forestais. O concello tiña de prazo ata o 30 de setembro para executar e xustificar o proxecto, e incluso desde a Consellería de Medio Rural concederon a posibilidade de solicitar unha prórroga e permitir o pago ata o 15 de outubro, ademais de poder solicitar un pagamento anticipado como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións do proxecto. A pesar disto, “e de todas as facilidades”, o goberno local realizou o pago fóra de prazo polo que a Axencia de Desenvolvemento Rural comunicou ao Concello a perda do dereito ao cobro da subvención.

“Agora o Concello non só perde a subvención de 65.876 euros, se non que ademais ten que pagar as costas do procedemento ademais dos gastos ocasionados cos diferentes recursos presentados en todas as estancias xudiciais ata chegar ao Tribunal Supremo. A perda de subvencións por incompetencia do alcalde Francisco Ferreira é unha constante nos últimos anos que non nos podemos permitir, e menos un concello como o de Gondomar cuns orzamentos prorrogados dende o ano 2012 e cunha partida moi baixa para investimentos”, afirma Paula Bouzós, voceira do PP de Gondomar.