“Teñen que apuntar para outro sitio e deixar de demonizar á hostalería”

Decenas de vehículos participaron este xoves na “caravana hostaleira” convocada pola Federación de Hostalería da Provincia de Pontevedra, a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) e a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA), e que percorreu os concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona, con saída e final en Porto do Molle, en sinal de protesta pola situación actual do sector. Nos municipios de Gondomar e Nigrán, están afectados preto dun milleiro de establecementos.

“Nós reclamamos axudas de todo tipo inmediatas xa, porque non entendemos o que está a pasar, no caso de Baiona que ten a hostalería aberta e non ten practicamente contaxios, non nos confinaron pero estamos máis confinados que ninguén ao estar confinados os concellos limítrofes do Val Miñor. Parte da hostalería tivo que pechar porque non é suficiente o fluxo de persoas”, sinalou Marcos Comesaña, presidente de ACEBA.

“Entendemos que a hostalería non é o problema. Que tomen unha determinación respecto a Baiona porque agora mesmo tendo locais pechados teñen que asumir eles todos os gastos, non teñen axuda de ningún tipo porque non lles obrigan a pechar. Teñen que apuntar para outro sitio e deixar de demonizar á hostalería porque non son os culpables. Nós somos o claro exemplo de que non estamos a aumentar o número de contaxios debido á hostalería. Ademais en Baiona e no Val Miñor a hostalería preocupouse desde o minuto 1 das medidas de prevención e deron resultado”, insistiu Comesaña.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Pola súa banda, José Ángel González Goce, vicepresidente de OVALMI, asegurou que “desde a hostalería sentímonos secuestrados pola administración. Sempre actúan sobre a hostalería cando hai outros sitios que vemos totalmente desatendidos. Desde a hostalería sempre tomamos as medidas Covid que se nos esixiron. Recoñecemos que o público que veu aos nosos negocios sempre se comportou de forma correcta na súa maioría e despois de ver como se están dando as circunstancias, que levamos un mes pechados e a situación non mellora, e ver outros sitios nos que a hostalería estivo aberta e non empeoraron para nada, vemos que a hostalería non é o foco no que a xente se contaxia”.

“O motivo desta manifestación é darlle visibilidade á situación tan difícil e tan dramática que está a vivir o sector da hostalería, neste caso en concreto nestes municipios como é o de Baiona e Nigrán, que son totalmente diferentes, en Baiona a hostalería pode estar aberta, e con todo en Nigrán non. Pero en realidade a situación é igual para todos. En Baiona a maioría dos establecementos de hostalería están pechados por falta de actividade, de movemento de persoas, e en Nigrán están obrigados a estar pechados”, apuntou César Ballesteros, presidente da Federación de Hostalería da Provincia de Pontevedra.

“O que se pide son axudas directas a un sector que agora mesmo chega nunhas condicións desastrosas a un final deste ano onde a ponte da Inmaculada é inexistente xa, dámolo por descartado, e o Nadal non vai ter apenas repercusión. Logo ímonos a atopar un xaneiro, febreiro e marzo sen practicamente actividade, cos petos baleiros, tendo que pagar aínda impostos, e creo que é necesario que as administracións se poñan as pilas de verdade nas axudas directas que poidan dar ao sector, que moitas teñen que estar enfocadas a deixar de pagar os impostos que estamos obrigados a pagar, como son a taxa de terrazas, IBI ou o lixo”, engadiu Ballesteros.

“O que se pide é un rescate integral de axuda como están a facer outros países europeos, con axudas, inxección económica directa a cada unha das empresas de hostalería para poder soportar todas estas cargas, senón a única solución é pechar, con todo o que conleva”, concluíu o presidente provincial dos hostaleiros.