Nigrán aproba iniciar os trámites de irmandamento con Valdoviño

O goberno de Nigrán aprobou coa unanimidade da corporación iniciar os trámites de irmandamento co municipio coruñés de Valdoviño co obxectivo de promover e fomentar a cultura surfista que comparten desde a orixe deste deporte en Galicia nos anos 70. Ambos rexedores, Juan González (Nigrán) e Alberto González (Valdoviño) abordaran xa a cuestión na presentación do Océano Surf Museo de Valdoviño na Praia de Patos no 2018 e, posteriormente, o alcalde de Nigrán desprazárase ata alí. Sería o primeiro irmandamento para Nigrán e conta xa co apoio da Federación Galega de Surf e a Asociación de Escolas de Surf de Patos. “Os dous concellos desexamos fomentar a cultura surfista común e promover os valores que conleva. Sería unha fórmula excelente para manter e formalizar ese vínculo que xa nos une dende os anos 70”, argumentou o rexedor nigranés, quen confirmou co seu homólogo a intención de que leven a cuestión ao pleno de marzo.