Podemos Baiona rexistra unha moción para non “dar un paso atrás” na loita contra as violencias machistas

O Círculo de Podemos en Baiona vén de rexistrar unha moción para non “dar un paso atrás” na loita contra as violencias machistas.

Segundo indica a responsable de feminismos da agrupación local, María Rosa Leyenda Nogueira, “a dimensión da crise da COVID19 é tal que está a agochar outras realidades de persoas vulnerables, como pode ser o caso das mulleres que sofren as violencias machista”. Por isto, Podemos presenta unha moción para sinalar esta situación, que segundo indica Rosa Leyenda “pode supoñer un retroceso nos dereitos que as mulleres acadaron en tantos anos de loita”.

A moción recolle situacións concretas que están vivindo as mulleres desde que comezou a pandemia como poden ser “retrasos administrativos, problemas de conciliación, ou situacións que afectan aos dereitos reprodutivos das mulleres e que están a denunciar dende colectivos como Embarazadas de Galicia ou a Asociación Galega de Matronas (AGAM) nas que se chega a separar á nai e bebé durante o postparto”.

“Dende o Círculo Podemos Baiona pensamos que a mellor maneira de non retroceder é a de consolidar os avances, por iso incluímos reivindicacións recorrentes do feminismo, como poden ser a creación de xulgados especializados en violencias contra as mulleres, coa creación de plans que faciliten a conciliación e a creación de axudas específicas para a crise que estamos atravesando, ademais das demandas xa trasladadas pola Asociación Galega de Matronas” continúa Rosa.

O Círculo de Podemos pide que este 25N atípico o Concello de Baiona se implique e poña todos os recursos para visibilizar a realidade das mulleres que sofren violencia e as distintas opresións que viven as mulleres polo feito de selo e reafirme o seu compromiso coa igualdade real entre homes e mulleres.