Manifesto de Co-mando Ghichas e Area Loura polo Día contra a Violencia de Xénero

A asociación feminista Area Loura e o Co-mando Ghichas temos convocado en varias ocasións mobilizacións na Ramallosa contra a violencia machista co obxecto de denunciala e contribuír dalgún xeito á concienciación da sociedade en relación a este tema. Este ano, debido á situación de emerxencia sanitaria e socioeconómica que estamos a padecer e a especial situación na nosa comarca que imposibilita que poidamos xuntarnos os tres concellos na Ramallosa, non convocaremos mobilización na rúa. Pero esta crise non vai a impedir que as feministas continuemos a denunciar a violencia exercida contra as mulleres.

Este ano foron asasinadas no estado, pola violencia machista, 43 mulleres, 2 delas en Galiza, e tres nenos. Continúase a deixar fóra das listas oficiais a mulleres que non son asasinadas polas súas parellas e tamén quedan fóra ás fillas e fillos asasinados.

O confinamento agravou considerablemente a situación das mulleres que están a padecer violencia de xénero, xa que as obrigou a convivir as 24 horas co seu maltratador convertendo o seu fogar nun inferno. A isto hai que engadir que moitos programas de atención a estas mulleres foron cancelados, moitos procesos nos xulgados foron aprazados.. Todo isto significa un grave retroceso na atención e prevención da violencia machista, e non entendemos que esta atención non sexa considerada algo esencial.

Segundo a ONU, a OIT e os primeiros datos de avaliacións socieconómicas dende o inicio desta crise, as mulleres tamén somos as máis prexudicadas polas medidas tomadas a causa do Covid, sufrindo máis a perda de emprego e ingresos, o aumento da precariedade da economía informal e as dificultades de acceso ás medidas de protección social, ao que hai que sumarlle a sobrecarga das tarefas non retribuídas, domésticas e de coidados, polo peche das escolas e centros de atención á dependencia, asumidas maioritariamente polas mulleres, exemplo disto é que a maioría de reducións da xornada laboral foron solicitadas por elas.

Non debemos esquecer o perigoso discurso da ultradereita que, tanto nas bancadas do Parlamento como na rúa, nega a violencia contra as mulleres, dando cobertura aos maltratadores, culpabilizándonos a nós e desprezando calquera demanda feminista.

Na situación actual,complexa e chea de incertezas, de crises de moitos sectores que descobren á súa vez outras crises soterradas, é cando podemos atopar o verdadeiro valor das cousas. Unha delas: os coidados ás persoas, dos fogares, dos cativos, dos maiores…como xa dixemos en mans na súa maior parte das mulleres.

Agardamos que tamén chegue unha nova normalidade para o feminismo, que a igualdade, o reparto de tarefas, o respecto, a dignidade, a posta en valor, a liberdade, cheguen por fin para as mulleres e se produzan eses cambios polos que o feminismo leva loitando tanto tempo. Por iso é que queremos seguir facendo visible este 25 de Novembro a violencia contra a muller e, se non podemos facelo na rúa, fagámolo alá onde poidamos, no nosa contorna, na nosa realidade diaria, na prensa, nos medios, nas redes sociais.

25 de Novembro de 2020
Co-mando Ghichas e Area Loura