“As retribucións do equipo de goberno son as mesmas que se acordaron no Pleno de organización”

O concelleiro de Facenda do Concello de Baiona, Carlos de la Peña, desmente a información enviada aos medios este martes polo Partido Popular na que afirmaba que o tripartito ía aumentar o gasto en salarios do equipo de goberno nun 5%. Segundo os populares, a suba estaría recollida no orzamento para 2021, que se presentará no pleno do próximo xoves e do que informou na comisión previa celebrada o luns.

De la Peña asegura que “esta información non é certa” e confirma que as retribucións do equipo de goberno son as mesmas que se acordaron no Pleno de organización de xullo de 2019. “De feito renunciamos expresamente á suba do 0,9 por cento que se propón nos Orzamentos Xerais do Estado”, destaca.

Por outra banda, anuncia que as prioridades no orzamento municipal para 2021 son o incremento de liñas para a cobertura das novas necesidades sociais, o reforzamento da limpeza e desinfección dos centros educativos e municipais, o apoio ao sector comercial e hostaleiro, “todo elo como consecuencia da pandemia”, así como novos investimentos en infraestruturas públicas de todo tipo. “Un orzamento fondamente comprometido coas necesidades reais das baionesas e baioneses”, conclúe o concelleiro de Facenda.