A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou hoxe a importante contribución dos centros especiais de emprego (CEE) na procura dunha integración real e en igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade. Así o fixo coincidindo coa presentación no centro comercial Vialia de Vigo dunha nova edición do programa de formación dual de emprego que está a desenvolver o Centro Juan María de Nigrán co apoio da Xunta. No acto estivo acompañada polos directores xerais de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social, Fernando González Abeijón. Tamén asistiu o alcalde de Nigrán, Juan A. González, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña.
En concreto, desde decembro de 2019 e grazas á subvención do programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual en centros especiais de emprego (CEE) da Consellería de Emprego e Igualdade e o Ministerio de Traballo e Seguridade Social, un total de 10 persoas con discapacidade intelectual fórmanse en actividades auxiliares de comercio, á vez que contan cun contrato de traballo de tres anos na tenda de roupa Juan María by Lolola de Vialia. Un proxecto de moda inclusiva ao que Marta Fernández-Tapias sinalou como exemplo da integración deste colectivo na economía e na sociedade nun sentido amplo.
Con este proxecto obterán unha certificación profesional de Nivel 1 como Auxiliar de Comercio ademais de varias formacións complementarias ata un total de 2634 horas nos tres anos. O aspecto máis relevante desta formación é que está baseada na metodoloxía “aprender-facendo”, especialmente efectiva nas persoas con discapacidade intelectual para afianzar os coñecementos e adquirir as destrezas necesarias. Juan María Empleo SL é un centro especial de emprego creado en 2014, vinculado á Asociación La Esperanza del Valle Miñor que ten como finalidade alcanzar a integración plena na sociedade e no ámbito laboral, das persoas con discapacidade.
“O noso principal reto é o de mellorar as condicións laborais dos galegos e galegas, dando resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un traballo”, indicou a representante autonómica, antes de referirse ao Plan Emprega Discapacidade e Exclusión posto en marcha polo Goberno galego e dotado este ano con 46 millóns de euros. Con novidades importantes, dixo, como a activación dun servizo de intermediación avanzado para persoas con discapacidade e iniciativas de formación e asesoramento para incrementar as oportunidades laborais destes colectivos.
“Hai só uns poucos anos este era un soño de toda a comunidade do Juan María e agora é máis que unha realidade, así que transmito o agradecemento de parte de toda a veciñanza por levalo adiante”, sinalou o alcalde de Nigrán, quen invitou aos demais municipios a sumarse para “tocar as estrelas xuntos”, un símbolo que sempre está presente nesta firma de moda inclusiva “sen etiquetas”. O propio Concello é protagonista dunha colección con camisetas, tote-bags de algodón, gorras, chaveiros e ata tazas con ilustracións propias coa palabra “Nigrán” e o hashtag #Paraiso.
O proxecto do centro de emprego Juan María Empleo e a firma viguesa Lolola, especializada en deseños personalizados, conta cun apoio da Consellería de Emprego e Igualdade de preto de 350.000 euros. Trátase de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego. Ao seu termo os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción laboral e obteñen certificados de profesionalidade.

