Gondomar vístese de morado a semana na que se conmemora o 25 N

Gondomar desenvolverá a próxima semana diversas accións, enmarcadas dentro da programación elaborada desde a Concellería de Igualdade con motivo da celebración do Día internacional contra a Violencia de Xénero, que se celebra o próximo día 25 de novembro. A mesma xornada celebrarase o acto central ante o concello coa lectura de manifesto e un minuto de silencio en memoria das mulleres vítimas da violencia machista, acto que finalizará cunha representación de danza, creada para a ocasión.

Ademais esta xornada instalarase o punto de Igualdade no que técnicas do Centro de Información da Muller (CIM) repartirán material específico da campaña de sensibilización en igualdade de oportunidades entre homes e mulleres como a mellor ferramenta para acabar coa violencia contra as mulleres.

Como en ocasións anteriores búscase a maior implicación da sociedade nesta celebración posto “que é un problema cuxa solución está en mans de todos e todas, na sensibilización das novas xeracións e, da poboación en xeral, ante unha realidade que non se pode negar: a violencia de xénero existe e hai que acabar con ela”, afirma a edil de Igualdade, Nuria Lameiro.

Por esta razón convidouse ao comercio local a sumarse á campaña “En negro contra as violencias”, desenvolta en colaboración coa Deputación Provincial, e que visibiliza con cartelería creada para a ocasión e que lucirán durante toda a semana nos escaparates, a súa loita contra a violencia de xénero.

Por outra banda, o luns 23 poñerase inaugurarase a exposición fotográfica “Defensoras Sementes de Cambio”, que se poderá visitar en dez establecementos que durante un mes converteranse en pequenos museos nos que poder ver os retratos de mulleres defensoras dos dereitos humanos e femininos en países como Honduras, Guatemala ou Salvador. Iniciativa que se desenvolve en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD.

O programa elaborado este ano desde o CIM complétase co desenvolvemento do programa “Contos e Monicreques” nos CEIP do municipio, dirixido ao alumnado de primeiro de primaria nunha aposta pola educación como a mellor ferramenta para acabar con estereotipos instalados na sociedade e lograr a igualdade real entre home e mulleres que poña fin á violencia machista para sempre.