Povisa colabora nun ensaio clínico con inmunoglobulina intravenosa como tratamento contra a COVID

O hospital Povisa participa nun ensaio clínico para estudar a eficacia da inmunoglobulina intravenosa no tratamento de pacientes infectados de COVID graves afectados por unha pneumonía bilateral ou que xa foron ingresados en UCI. No estudo, cuxo obxectivo final é bloquear a resposta inmune dos pacientes, participan tamén outros tres hospitais do grupo Ribera, como son os de Vinalopó e Torrevieja, en Alacante, e o hospital de Torrejón de Ardoz, en Madrid, entre outros centros sanitarios do ámbito nacional.

O doutor José Manuel Paz, do servizo de Medicina Interna de Povisa, explicou que o tratamento con inmunoglobulina intravenosa, que xa se utilizou con bos resultados noutras patoloxías como a síndrome de Kawasaki ou a síndrome de Guillain-Barré (SGB), trata de anticiparse á resposta hiperinmune que sofren algúns pacientes e que ten consecuencias fatais ao lesionar os tecidos. Administrada en doses altas (1 g/kg/día), a inmunoglobulina ten efecto antiinflamatorio, polo que se prevé que sexa unha medida eficaz nestes casos.

O tratamento consiste na administración dunha dose diaria de inmunoglobulina intravenosa durante un período de cinco días. Aplícase a partir do quinto día do inicio dos síntomas en pacientes cunhas características moi específicas: maiores de idade, sen alerxias á inmunoglobulina e cunha pneumonía bilateral ou ingresados en UCI.

É un estudo aleatorizado e con carácter dobre-cego, polo que tanto os pacientes que aceptaron participar como os propios facultativos descoñecen a asignación aos grupos de tratamento. O servizo de Farmacia do hospital é o que administra tanto a medicación como o placebo. O ensaio comezou durante a segunda fase da pandemia de COVID, polo que aínda haberá que esperar uns seis meses para coñecer os resultados.

Ademais, e como o ensaio lévase a cabo en varios centros hospitalarios, os equipos médicos intercambian información sobre a evolución de todos os pacientes. Paralelamente, todos eles continúan recibindo o tratamento estándar contra a COVID. “Trátase dun tratamento adicional que en ningún caso substitúe aos fármacos que se están empregando de maneira xeneralizada en todos os hospitais na loita contra o coronavirus como os corticoides, o manexo de soporte con osixenoterapia e a anticoagulación”, precisou o Dr. Paz.