Nova técnica laparoscópica para o tratamento cirúrxico da neuralxia do nervio pudendo no Cunqueiro

A Unidade de Coloproctoloxía do servizo de Cirurxía xeral e dixestiva do Chuvi ven de incorporar á súa carteira de servizos unha nova técnica cirúrxica para o tratamento da neuralxia do nervio pudendo. Polo de agora levan realizado esta intervención a 9 pacientes, con resultados moi satisfactorios.

Trátase da Neurólisis laparoscópica, un procedemento de liberación do nervio na pelve -cando está comprimido por diversas causas-, a través de técnicas minimamente invasivas.

Segundo o xefe de sección da Unidade de Coloproctoloxía, Enrique Moncada, “no Chuvi levamos anos realizando intervencións desta patoloxía por vía posterior transglútea; isto é, cirurxía convencional que requiría de grandes cortes para a súa abordaxe. Con esta nova técnica laparoscópica accedemos por vía abdominal a través de pequenas incisións no pel, e a través duns catéteres introducimos o instrumental necesario para cortar o ligamento e descomprimir o nervio mentres visualizamos todo o proceso. Esta vía nos aporta un mellor acceso a toda a estrutura vascular e nerviosa da área a tratar”.

As vantaxes das cirurxías minimamente invasivas son múltiples: hai menos ferida e, en consecuencia, diminúe a dor postoperatoria e o risco de infeccións e complicacións. Isto implica una redución do tempo de ingreso hospitalario e unha recuperación máis rápida do paciente.

Síndrome complexo

O pudendo é un nervio sensitivo, motor e vexetativo, da pelve. En ocasións pode quedar comprimido ou punzado por diversas causas, como lesións postparto; traumatismos tras cirurxías xinecolóxicas; profesións, oficio ou práctica deportiva que implique comprensión permanente do nervio; ou mais raramente por causa idiopática o descoñecida.

Cando isto sucede pode desencadear o chamado Síndrome de atrapamento do nervo pudendo. Trátase dun síndrome complexo, que cursa con sintomatoloxía variable como a dor e alteracións funcionais urinarias, defecatorias e sexuais moi importantes.

O atrapamento do nervio pudendo constitúe unha causa de dor pelviana crónica na muller, sendo un dos diagnósticos menos coñecidos e subestimados ata a actualidade e que produce unha moi mala calidade de vida nas persoas que a padecen.

Unidade do Nervio Pudendo

O Álvaro Cunqueiro conta cunha Unidade de Nervio Pudendo, un equipo multidiciplinar coordinado polo servizo de Admisión e conformado por 1 neurólogo, 1 anestesista, 1 radiólogo intervencionista e 2 cirurxiáns. Este equipo estuda e valora aos pacientes, unha media de 15 casos anuais.

“De entrada, intentamos solucionar o problema cos tratamentos convencionais dsipoñibles. A cirurxía de descompresión deste nervio ten unha indicación moi concreta e queda reservada para aqueles casos que non responden a terapias conservadoras como as farmacolóxicas, a radiofrecuencia ou de modificación de hábitos”-explica o doutor Moncada.

Publicación artigos

O feito de ser un dos centros pioneiros en dispoñer dunha Unidade específica en Galicia, e un dos poucos hospitais de España en desenvolver esta técnica, motivou ao doutor Moncada a darlle difusión científica á mesma e compartir a súa experiencia cos seus colegas.

Así, nos últimos meses publicou varios artigos científicos, en prestixiosas revistas da especialidade, en“Colorectal Disease”, órgano da Sociedad Europea de Coloproctología, e en “Cirugía Española”.

Ademais, ven de presentar unha comunicación no congreso virtual da Asociación Española de Coloproctología (AECP), que foi premiada no grupo de “5 mejores comunicaciones”.