O gondomareño Ricardo Buba acada o segundo posto no ensaio do Campionato de España en Xàtiva

A menos dun mes para a celebración do Campionato de España, a Selección de Galicia realizou este sábado na Comunitat Valenciana un ensaio de alto nivel no escenario que acollerá os estatais de ciclocrós 2022. O combinado autonómico participou con doce ciclistas no VI Ciclocross Ciutat de Xàtiva e acadou tres postos de podio nun evento de clase C2 no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI). Laura Mira fixo segunda nas júniors, Ricardo Buba asinou a mesma posición na carreira xuvenil e Miguel Rodríguez finalizou como terceiro mellor sub23. Entre as tres primeiras da súa categoría tamén se clasificou a cadete María Filgueiras, defendendo as cores do Río Miera, segunda nas cadetes.

No mesmo circuíto onde do 7 ao 9 de xaneiro se poñerán en xogo as camisolas “rojigualdas”, Miguel Rodríguez (Selección de Galicia) acadou outro sobranceiro resultado no seu primeiro ano como sub23. O líder absoluto da Copa Galicia concluíu a carreira raíña masculina en quinta posición, a 1 minuto e 50 segundos do gañador e vixente campión estatal elite Felipe Orts (Burgos BH). Por diante do ponteareán remataron dous sub23: o neerlandés Luke Verburg (2 Moso) e Gonzalo Inguanzo (Supermercados Froiz).

Trabazo, sétima elite

A Selección de Galicia só contou con ciclistas xuvenís na proba estrela do programa feminino, a competición elite-sub23 e júnior. A mellor galega nesta carreira foi a elite Irene Trabazo, novena na táboa absoluta e sétima na súa categoría, representando ao seu club XSM. A marinense concluíu a 2:04 de Lucía González (Nesta), que venceu lucindo o maillot de campioa de España.

A 52’’ de Trabazo entrou Laura Mira (Selección de Galicia) tras manter unha loita pechada pola vitoria júnior con Marta Cano. A ciclista do Bike Garraf decantou a balanza ao seu favor por 10’’ de diferenza. A piques de ocupar postos de podio quedouse outra corredora do combinado autonómico, Uxía Soto, cuarta xuvenil a 19’’ da terceira clasificada Nicole Castillo (La Torreta). A actuación do conxunto galego completárona Sofía Álvarez, novena, e Vania Gregores, décimo cuarta. Pola súa banda, Sarela Conde abandonou.

Final axustado

Houbo que agardar aos últimos metros para coñecer ao gañador da carreira júnior masculina. Ricardo Buba batallou ata a recta final contra dous ciclistas do Teika e acariciou a vitoria. O gondomareño da Selección de Galicia tivo que conformarse co segundo posto. Bateuno por 2’’ Iván Gomar e a 6’’ do gañador terminou Pau Martí.

O combinado autonómico contou con outro representante no top-5 xuvenil. O tudense Iván Fernández pugnou por ser cuarto co noruegués Fredik Fjaerli, que superou ao galego por 3’’. No balance da Selección tamén hai que anotar a 18ª posición de Martín Sestelo, a 20ª de Héctor García, a 27ª de Xano Gil e a 28ª de Hugo Martínez.

Cadetes

A colleita de podios galegos en Xàtiva ampliouna María Filgueiras nas cadetes. A betanceira da formación cántabra Río Miera subiu ao segundo chanzo do caixón despois dunha carreira na que se impuxo por 8’’ á terceira clasificada Raquel Pérez (Sonido Energym). Leyre Almena (Teika) asinou un triunfo incontestable por 1:23 de marxe. En canto á proba cadete masculina, os dous únicos participantes galegos metéronse entre os quince primeiros. Santiago Otero (XSM) logrou a sexta praza e o seu compañeiro de equipo Xoel Cidrás, a décimo cuarta.

A fin de semana de citas internacionais en terras valencianas pecharase este domingo co XXIV Ciclocross Internacional Ciudad de Valencia, evento tamén catalogado de clase C2.