11 familias do Val Miñor quedan sen poder traballar e sen percibir ningún tipo de prestación

Os once empregados de La Capitana en Praia América (Nigrán) afectados polo peche da hostalería decretado pola Xunta o pasado 7 de novembro, recibiron unha comunicación do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) onde se lles denega a solicitude de prestación, logo de que a empresa tramitase un ERTE por imposibilidade de traballar tras o decreto feito po Alberto Núñez Feijóo.

O 29 de maio de 2020, e unha vez pasado o confinamento provocado polo Covid-19, en Praia América abriu unha nova cafetería, “La Capitana”, onde comezaron a traballar estas once persoas hoxe afectadas polo que consideran “resolución inxusta”.

O motivo no que se fundamenta a resolución da Dirección Provincial de Pontevedra do Servizo Público de Emprego Estatal é que para ter dereito á prestación por ERTE, terían que estar contratados con data anterior ao 17 de marzo de 2020, data na que se publicou o Real Decreto Lei 8/2020 no que se regulaban as prestacións en caso de ERTE por paralización da actividade económica decretada polo estado de alarma.

Este feito deixa a estas once familias nunha clara discriminación dos seus dereitos laborais, xa que por unha banda a Xunta decreta o peche da hostaleira, impedindo deste xeito poder seguir acudindo os seus postos de traballo, e por outra banda se lles denega un dereito fundamental de prestación por estar en situación de desemprego motivado por un ERTE forzoso interposto pola propia administración.

Nunha reunión mantida nesta mesma mañá, tanto a empresa como os traballadores acordaron proceder a recorrer esta resolución así como a asesorarse ante distintos sindicatos, e avogados para estudar medidas a adoptar para tentar de reverter unha situación que a todas luces, “parece totalmente inxusta e discriminatoria”.

O salario que perciben moitos destes 11 empregados da hostaleira é o único ingreso que entra nas súas casas, tendo que facer fronte os gastos cotiáns de alugueiros, hipotecas, familia e fillos. “¿Como vou facer para darlle de comer o meu fillo?”, indica un dos afectados por esta resolución que os deixa totalmente desamparados.

Avogados, sindicalistas e políticos consultados por esta resolución se amosan totalmente sorprendidos e non entenden como se pode denegar a prestación a empregados que por circunstancias alleas á súa empresa e impostas pola propia administración non poden exercer o seu traballo. Manifestan que tomarán medidas, e recorrerán esta resolución ante os tribunais si fai falta para defender os seus dereitos e non verse discriminados con respecto a outras persoas que na mesma situación, si lles conceden a prestación por ERTE.