Anuncios
Ticker de novas

Nigrán instala o primeiro punto municipal e público de carga para vehículos eléctricos de toda Galicia

O Concello de Nigrán vén de instalar por un importe de 3.000 € o primeiro punto municipal de carga para vehículos eléctricos e 100% de xestión pública de toda Galicia co obxectivo de promover a compra destes coches non contaminantes e facilitar o emprego de enerxías limpas. A maiores, e tal e como xa se fai noutros municipios como o de Vigo, o goberno local ultima unha proposta co fin de bonificar o 80% da cota de Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica aos clasificados como “0 Emisións” pola DGT (eléctricos) e anos aos etiquetados como “Eco” (híbridos ou a gas) durante os tres primeiros de matriculación.

Nesta liña, o Concello de Nigrán adquirirá antes de fin de ano dous vehículos eléctricos que substituirán a sendas furgonetas municipais de máis de 20 anos de antigüidade e, polo tanto, moi contaminantes. “Dende o propio Concello queremos contribuír a baixar a cota de emisións coa renovación da flota a prol do uso de enerxías limpas”, sinala o edil de Medio Ambiente, Diego García.

“Trátase de incentivar entre a veciñanza a compra de vehículos eléctricos porque son os únicos non contaminantes; é un transporte moi silencioso e que non produce ningún tipo de emisión”, resume o alcalde, Juan González, quen considera “unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas”. Deste xeito, o Concello de Nigrán segue a estela de moitas administracións públicas de toda Europa e sitúase á vangarda de Galicia instalando o primeiro dun Concello para uso público e 100% de xestión municipal.

Este primeiro punto de carga semi-rápida xa operativo (engadiráselle un panel con información e sinalización horizontal) atópase no aparcamento da Casa Consistorial e conta con dous tomas de alta potencia de 22 KW válidas para senllos vehículos (compre destacar que a maioría das que se atopan en aparcadoiros ou establecementos privados son de 3,6 KW). Todos os propietarios de coches eléctricos poderán empregalo gratuitamente solicitando no Servizo de Atención Cidadá (planta baixa do Concello) unha tarxeta magnética válida para subministrar enerxía durante un tempo máximo de 60 minutos (suficiente para cargar o 50% das baterías). De xeito piloto, o horario no que estará operativo será de 9:00 a 14:30 horas.

Anuncios