
O baionés Daniel Fernández Vargas quedou en terceiro lugar na categoría de Graffiti do certame Xuventude Crea, coa creación “Entusiasmo luminoso”. Ata a final desta modalidade, que tivo lugar o pasado sábado no Parque da Alameda de Santiago de Compostela, chegaron dez creadores que realizaron en directo as súas propostas. Unha vez remata a súa creación, foi avaliada polo xurado.
O primeiro premio foi para Javier Caamaño Pérez (A Coruña) pola obra titulada “O Raposo”; o segundo premio recaeu en Adrián Lomba Balea (Vigo) coa proposta “Estilo en continua construcción”; e en terceiro lugar quedou Daniel Fernández Vargas (Baiona) coa creación “Entusiasmo luminoso”. Ademais, o xurado concedeu unha mención de honra a Fernanda Rodríguez Miguélez (A Coruña) pola obra “Escornabois”.
O programa Xuventude Crea vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais de Graffiti, o certame premia as mellores creacións noutras 13 disciplinas: Teatro, Banda deseñada, Cociña, Danza moderna, Deseño de xoias, Graffiti, Moda, Música, Poesía e Videocreación, Fotografía, Artes plásticas, Creación de videoxogos e Novela Curta. Estas dúas últimas categorías foron engadidas nesta edición que cumpre once anos.
Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.