Unha obra de Baiona e outra de Nigrán, premiadas no certame Gran de Area 2020

As delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) fallaron os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2020. Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes -arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores- que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Ourense, Pontevedra e Vigo. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante achega á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”. Entre os proxectos premiados están a rehabilitación e acondicionamento dunha edificación para café no casco vello de Baiona e o dunha vivenda unifamiliar en Nigrán.

O proxecto de Baiona, do arquitecto Ángel Jaime Santorio Cuartero, consistiu na rehabilitación integral do inmoble e o seu acondicionamento para a actividade de café, cun estrito cumprimento da ficha individualizada do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico de Baiona. A estratexia do proxecto, respectuosa coa construción orixinal, buscou a limpeza e simplificidade espacial, potenciando os espazos abertos e polivalentes, e a valorización do existente.

O de Nigrán, de Jordi Castro Andrade e María González Ferro, buscou unha deliberada rotundidade así como unha escasa paleta de materiais, sendo o formigón armado o que guía todo o proxecto co seu marcado encofrado de táboa que, vemos replicada no piñeiro das carpinterías e o peche. Unhas fantásticas pezas de granito resolven o resto de situacións, ben cunha fermosa acanaladura cando é fachada ou ben, esa mesma pedra en laxas de gran tamaño resolve os solados e aplacados de gran parte do interior da vivenda.

Este ano presentáronse 69 proxectos (47 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 10 na de Pontevedra e 12 na de Ourense) de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os aparelladores, promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira ou do metal.

O xurado resalta o bo facer destes profesionais para acadar a calidade da que gozan todas as candidaturas. “Todas as obras que foron candidatas aportan ese gran de area á arquitectura, e sobre todo á sociedade, e máis na situación na que nos atopamos na actualidade marcada pola pandemia”, indica a organización do certame.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.