Ecoloxistas en Acción chama a protexer a riqueza da Serra da Groba e O Galiñeiro

FOTO: SOS GROBA // Serra da Groba.

Ecoloxistas en Acción propón aos concellos de Baiona, Gondomar, Oia, Tomiño e O Rosal, afectados polo macro proxecto eólico, declarar “Espazo Natural de Interese Local” á Serra da Groba e O Galiñeiro, evitando así que o parque eólico proxectado dane espazos de alto valor paisaxístico e hábitats de especies protexidas. A organización ecoloxista galega sinala que o proxecto eólico “Albariño” de Acciona que contempla a instalación e cimentación de 44 muíños na serra da Groba e 13 no Galiñeiro terá consecuencias irreversible sobre especies ameazadas que fan o seu ciclo vital a rentes do chan. Lidos os estudos de impacto ambiental do proxecto, Ecoloxistas en Acción denuncia a total ausencia de mencións á presenza de especies incluídas no catálogo galego de especies ameazadas.

A Serra da Groba é un dos hot spot da biodiversidade das Rías Baixas e Galicia, non polo que voa, se non polo que está rente ao chan. Os ecosistemas máis valiosos da Groba non son nin os piñeirais nin os eucaliptais das medianías da serra, se non o seu complexo sistema hídrico alimentado polas frecuentes chuvias e néboas con fontes, regatos, lagoas e turbeiras. E tamén a matogueira atlántica (hábitats prioritarios da Unión Europea). É precisamente ese sistema hídrico e os seus hábitats asociados aos que máis perigo corren debido ás obras do denominado proxecto Albariño.

Este macro proxecto eólico vai a afectar a unha das tres poboacións de sapo de esporóns (Pelobates cultripes) que quedan na provincia de Pontevedra, e a que se considera máis numerosa a día de hoxe. Esta especie atópase incluída no catálogo galego de especies ameazadas coa categoría de Vulnerable. Tamén se ten constatada a presenza do escáncer ibérico (Chalcides bedragai) nunha das poucas poboacións rexistradas na provincia de Pontevedra (tamén incluído coa categoría de vulnerable no catálogo).

Asemade atopamos outras especies como a píntega rabilonga (Chioglossa lusitania) a rela (Hyla molleri) ou a rá patilonga (Rana iberia). Todas elas incluídas no catálogo e que atopan na zona afectada polo proxecto Albariño a súa principal área de distribución dentro da Serra da Groba. “O constante rexistro que dende hai anos levamos facendo na serra da Groba permítenos asegurar que neste singular espazo natural se atopan un mínimo de 15 das 26 especies de réptiles presentes en Galicia”.

O escáncer ibérico é un réptil endémico da Península Ibérica cunha distribución moi escasa en Galicia, restrinxida a un puñado de poboacións situadas na franxa costeira, algunha das illas Atlánticas e certas bisbarras de clara influencia mediterránea en Ourense. Para Ecoloxistas en Acción, a mera presenza desta especie debería ser máis que suficiente para paralizar calquera proxecto que afectase ao seu hábitat natural, como de feito o fará o proxecto de Acciona, permitido pola Xunta de Galicia e os seus cómplices necesarios na serra da Groba.

Todas as especies de réptiles, como as de anfibios, están protexidas, porén algunhas delas teñen unha protección máis elevada debido ao seo grao de ameaza ou polo reducido da súa área de distribución natural. “Tal é o caso, ser ir máis lonxe, do nomeado escáncer ibérico (Chalcides bedriaga) que está incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de Vulnerable (En Perigo no caso das poboacións insulares e coruñesas, grao de ameaza que debería estenderse ás poboacións costeiras galegas, incluíndo as da Groba segundo o noso parecer)”, afirman. Ademais a especie está considerada como case ameazada no contexto español e incluída na Lei 42/2007 do 13 de decembro, do “Patrimonio Natural y la Biodiverdidad” no anexo V (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita).

“Unha vez máis compróbase o escaso compromiso da Xunta de Galicia e outros elementos da sociedade galega para coa conservación do patrimonio natural do país. Unha vez máis vemos como especies ameazadas ven o seu hábitat destruído polo ánimo de lucro duns poucos, moi poucos en realidade. Planificar un campo eólico na Serra da Groba é en si mesmo un crime moi difícil de xustificar e imperdoable”, conclúen.