A Xunta financiará con preto de 64.000 € o servizo de comedor escolar de catro centros educativos de Gondomar

O Consello da Xunta autorizou hoxe a renovación do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o Concello de Gondomar para a prestación do servizo de comedor escolar en catro centros educativos do municipio, grazas ao cal se lles facilitará aos usuarios acceder a este servizo complementario durante os próximos dous cursos. A achega total da Consellería para este convenio será de 63.546 euros, e inclúe os CEIP Souto Donas, Serra de Vincios, Xosé Neira Vilas e Chano Piñeiro.

O Goberno galego destinará preto de 1,25 millóns de euros a 12 concellos para financiar o servizo de comedor escolar dun total de 5.060 nenos de 51 centros educativos públicos nos vindeiros cursos 2021/22 e 2022/23. Coa autorización destes convenios a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co mantemento deste servizo complementario educativo, de fundamental importancia para a conciliación da vida familiar e laboral.

No marco destes acordos de colaboración, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade subvencionará os menús dos comensais durante todo o curso escolar. Pola súa banda, os concellos comprométense á contratación da elaboración e servizo dos menús escolares, así como ao coidado e asistencia do alumnado durante as comidas.

No curso 2020/21 que acaba de rematar, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinou máis de 32M€ aos comedores de xestión propia, así como ao cofinanciamento dos comedores xestionados polos concellos e polas ANPAS. Esta cifra supón duplicar o orzamento de 14,6 millóns que se destinaba en 2007 a este mesmo fin. Ademais, o número de prazas de comedores incrementouse en 16.987 desde o curso 2008/09, un 30% máis neste período.

Colaboración con concellos, ANPAS e entidades

Os convenios autorizados hoxe con 12 concellos enmárcanse dentro da colaboración que a Xunta de Galicia mantén cun total de 16 concellos, a través dos cales financia os menús de 4.754 usuarios de 53 centros públicos. Así mesmo, destina axudas a ANPAS para a xestión de 138 comedores que suman outras 11.814 prazas. Non obstante, a meirande parte dos comedores escolares en Galicia están xestionados por parte da propia Consellería, cun total de 417 que atenden 61.644 usuarios.

Cómpre lembrar que no caso destes comedores escolares, o 80,35% dos usuarios teñen o servizo totalmente de balde ou pagando tan só un euro, mentres que a contía máxima de 4,5 euros/día é aboada por un 14,42% dos usuarios. Esas cifras confirman que o servizo de comedor escolar en Galicia, baseado na renda familiar, é un dos sistemas máis xustos e asequibles para as familias de todo o Estado español.