O Partido Popular acusa ao anterior goberno tripartito do Concello de Gondomar de ser o causante de que non se resolvan os problemas da contaminación da Foz do Miñor, e da reclamación por parte da Xunta de Galicia de 607.594,20 €, que se vén incrementados cos custes dos procesos xudiciais chegando ata o de agora a case os 650.000 €. Acusan directamente ao alcalde, Francisco Ferreira, e ao polo daquela concelleiro de urbanismo Antonio Araújo, de ser os responsables de tal feito ao paralizar o tanque de tormentas e con elo un investimento en saneamento de máis de tres millóns de euros mellorando a rede existente e executando unha serie de instalacións de saneamento (novos colectores, bombeos, impulsións) e que viñan a resolver os problemas de contaminación da Foz polas verteduras incontroladas que se están a producir nos ríos Zamáns e Miñor, eliminando as graves infiltracións de augas brancas presentes nos colectores da rede xeral de saneamento e acadar unha adecuada xestión das augas pluviais.
Así mesmo, proporcionábase unha solución ao problema de sobrecarga da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Gondomar, xestionada por Augas de Galicia, que como consecuencia das deficiencias na rede de saneamento municipal están a recibir un elevado caudal de entrada superando o caudal admisible xerando esta circunstancia unha serie de continuas verteduras ao medio receptor de auga deficientemente tratada e ocasionando ao mesmo tempo, importantes sobre custos na explotación da dita EDAR. A actuación estaba cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2007-2013, unha porcentaxe do 80%, financiándose o resto con cargo a outros fondos, autonómicos ou estatais.
No momento da paralización a Xunta levaba investido un total de 1.440.774,14 €, pero á hora de esixir responsabilidades patrimoniais optou pola indemnización mínima, adoptando un criterio conservador e favorable ao concello, segundo os populares. “O Concello de Gondomar está incorrendo en responsabilidade polo dano medioambiental que se está producindo, derivado sobre todo á paralización das obras que de non terse paralizado a execución das obras de xeito indebido, a problemática das verteduras continuas aos ríos Zamáns e Miñor derivados do deficiente estado da rede de saneamento municipal estarían solucionados a finais do ano 2016”.
Con todo isto o PP gondomareño considera que os culpables de que Gondomar siga contaminando (Ferreira e Araújo) asuman a súa responsabilidade e fagan fronte ao pago das indemnizacións que se reclaman ao Concello de Gondomar, ao quedar demostrado que non tiñan competencias para ordenar a paralización das obras de saneamento.
Non entenden tampouco a posición da comunidade de propietarios do edificio lindeiro, que acudiu como parte interesada no recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se opuxera a unha obra de saneamento tan importante para os veciños ao denunciar que ía producir cheiros e ruído, e non digan agora nada que se vai facer un parque para os cans. “O feito de construír agora este parque canino onde se ía facer o tanque de tormentas, indica tamén as prioridades do alcalde, que prefire destinar os cartos a obras que non son tan necesarias neste intre en lugar de outras tan demandadas e importantes como o saneamento das vivendas”.
“Dende a paralización das obras de saneamento o alcalde non fixo nada por resolver os problemas de contaminación que se están a producir e só se limitou en agardar que a Xunta notificase a reclamación patrimonial derivada de dita paralización para botar a culpa a outros en lugar de asumir a súa propia responsabilidade. Agora en lugar de facer o saneamento das vivendas dos veciños preocúpase do lecer dos cans”, relata a voceira do PP, Paula Bouzós.

