Sin categoría

Xoán Ramón Doldán inicia os Faladoiros do IEM con “O prezo non representa sempre o valor das cousas”

Este venres, 30 de outubro, arrancan os Faladoiros do IEM baixo o título “O prezo do barato. Consumo responsable”. Xoán Ramón Doldán García, Decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, inaugurará o ciclo de conferencias con “O prezo non representa sempre o valor das cousas”, ás 19:30 horas no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, presentado por Antón Lois (Amigos da Terra). O aforo e mesmo a celebración dos faladoiros dependerán das “Condicións COVID” vixentes en cada momento.

O segundo faladoiro será o venres 6 de novembro, “O sector rural: iniciativas e realidades. O papel da muller…”, a cargo de Lito Prado Rodríguez, da Sociedade Cooperativa Amarelante, Manzaneda, Ourense, que falará das cooperativas e da mecanización no rural, do papel das mulleres neste sector, das iniciativas empresariais no rural, da política forestal e do sector primario, en xeral. Será presentada por Jesús Rodriguez Diéguez (IEM).

Finalmente, o venres 13 de novembro, Violeta Bouzada Novoa, do Colectivo FENTO, deseñadoras, artesás e creadoras, ofrecerá o faladoiro “Sector téxtil e moda sustentable galega”, no que falará do sector téxtil e a moda sustentable galega, a produción respectuosa co medio natural, as certificacións, os custes de produción e a trazabilidade, entre outros temas, coa presentación de Ánxeles Bouzó Fernández.